----

As conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística destacan a rendibilidade da lingua galega para o sector económico

“O uso do idioma galego na actividade comercial é moi rendible”, pois representa “un motor económico para as persoas propietarias e traballadoras” e tamén “para quen subministra produtos ou presta servizos complementarios na contorna”. Así o subliñan as conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza anualmente para reflexionar arredor da situación da lingua galega en diferentes ámbitos. O documento coas conclusións xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web do CCG.

Conclusións dos XXV Encontros para a normalización lingüística

“O uso do idioma galego na actividade comercial é moi rendible”, pois representa “un motor económico para as persoas propietarias e traballadoras” e tamén “para quen subministra produtos ou presta servizos complementarios na contorna”. Así o subliñan as conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza anualmente para reflexionar arredor da situación da lingua galega en diferentes ámbitos. O documento coas conclusións xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web do CCG.

Nel, sublíñase a existencia dunha percepción xeral que apunta a que “o nivel de uso da lingua galega nas actividades económicas se incrementou exponencialmente neste século XXI”, unha tendencia da que dá conta, por exemplo, o aumento das empresas comercializadoras de viño que pasaron a etiquetar os seu produtos en galego. A etiquetaxe na nosa lingua, “lonxe de ser un obstáculo para a exportación, convértese nun indicador de autenticidade”, indica o documento, que destaca tamén como a escolla do galego no deseño supón “unha fortaleza para a receptividade” ao poñer en valor tanto o produto como o territorio en que este é elaborado.

“No ámbito da cultura, as iniciativas empresariais en galego teñen excelente acollida entre o público consumidor”, ao igual que sucede coas “empresas que apostan polo modelo da economía social”, comprometidas coa lingua e a cultura propias, explícase nas conclusións. Ademais, no camiño cara ao incremento do uso do galego no ámbito comercial, se ben as subvencións e campañas de sensibilización poden actuar a xeito de incentivo, este vai estar fundamentalmente condicionado “pola súa utilidade e a súa contribución ao negocio”.

O documento presta atención, así mesmo, a cuestións de índole normativa. Destaca que “Galicia ten unha ampla marxe de actuación lexislativa que podería axudar a garantir os dereitos lingüísticos das comunidades de produción, elaboración, distribución e consumo que desexan facer a comunicación no noso idioma”. Porén, malia que algunhas leis establecen o dereito das persoas a comunicarse en galego, non se recolle a obriga das empresas a “garantir a atención no mesmo idioma”. As conclusións tamén recoñecen o avance que supuxo o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico (2016‐2020), ao tempo que reclaman “medidas como unha lei de comercio, para superar as vellas inercias como que o uso do galego se reduza en moitos casos á lingua falada ou que nas redes sociais o uso do inglés alcance o 40% e o do galego se sitúe no 20%”.

Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística naceron como un foro dedicado á información e á reflexión sobre a situación da lingua galega e como un lugar de intercambio de experiencias, de presentación de proxectos e de elaboración e lanzamento de propostas de futuro. Constitúen tamén un espazo aberto á pluralidade, á construción colectiva e ao interese e respecto por todas as voces. Neste cuarto de século abordaron a normalización do idioma desde diferentes ámbitos, como o deporte, a mocidade ou a comunicación, entre outros.