Santiago de Compostela, 7 de abril de 2010.- Luís Seoane intentou actuar como ponte entre a colectividade galega emigrante e a cultura arxentina, explicou Fernando Devoto. Outro historiador arxentino, Luís Alberto Romero, acentuou o compromiso do xenial creador e activista cultural na tarefa de “reformar a Galicia real desde a Galicia ideal”. A segunda sesión do congreso internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía” describiu o marco político cambiante de exilados e emigrantes galegos na Argentina e o seu activismo cultural. Analizou asemade outros aspectos da expresión artística de Seoane (1910-1979). As sesións, iniciadas, o pasado día 6, continuarán hoxe no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, para rematar o venres, na Fundación Luís Seoane, na Coruña. Fernando Devoto (Universidade de Buenos Aires) reflexionou sobre “cultura e política entre dous mundos: debates intelectuais e tramas de sociabilidade (1936-1963)” nun relatorio presentado como un escenario de encaixes complicados para a acción dos exilados da Guerra Civil (1936-1939) e o seu interactuar, nada doado, cunha colectividade emigrante marcada polo impacto das urxencias propias e polas derivadas dos cambios no mundo político arxentino. Cambios e complicacións antes, durante e despois do Penronismo. Nese marco referiuse ao feito de que os exilados galegos “puideron ter xogado un papel de ponte entre as distintas almas da cultura democrática e antifascista arxentina” e subliñou que Luís Seoane intentou, moi especialmente, “ser unha ponte entre a vida cultural da súa comunidade inmigrante e a cultura máis xeral arxentina”. Un empeño con resultados limitados, segundo o historiador constatou, logo de ler a correspondencia do artista. En calquera caso, “as penurias da vida politica e institucional tiñan a súa contrapartida na vivacidade dun mundo científico, cultural e académico e no dinamismo de Buenos Aires, una das tres ou catro capitais da arte do mundo”, en palabras deSeoane, un creador situado inevitablemente entre dous mundos. Esta análise foi completada coa exposición de Luís Alberto Romero (Universidade San Martín), baixo o epígrafe “Os exilados galegos na política arxentina (1936-1976)”. A colectividade galega “numerosa e fortemente organizada nunhas trescentas sociedades de base” encontrouse cuns exilados, homes da cultura e militantes da autonomía de Galicia, dispostos a construir o que Castelao chamaría “a Galicia ideal”. Un desafío condicionado primeiro polas esperanzas, logo defraudadas, da superación do Franquismo, e tamén polas limitacións derivadas da inevitable loita ideolóxica e e das presións e movementos pendulares do accionar político arxentino. Quedou sempre aberto o campo das iniciativas no universo c ultural, no que “o legado de Seoane resulta exemplarmente incontestable”. Para o relator os exilados galegos “non interviron na política arxentina, pero sería difícil entender a súa acción sen ter en conta ese caldo de cultivo”. Enlazaba así co exposto na xornada anterior por Xosé Manoel Núñez Seixas (Universidade de Santiago), presentador de ambos os dous, para quen “o carimbo dos exilados é aínda hoxe perceptible na propia arquitectura institucional da colectividade galega de Buenos Aires”. A xornada completouse coas disertacións de dous historiadores da arte. Diana Wechsler (Universidade de Buenos Aires) falou de “Luís Seoane nas redes da cultura antifascista” e Rodrigo Gutiérrez Viñuales (Universidade de Granada) referiuse a “Seoane na arte arxentina”. PROGRAMA DO XOVES, 8 DE ABRIL O programa do xoves, 8 de abril, comezará ás 10 horas cos relatorios de Manuel Castiñeiras (Museu Nacional d´Art de Catalunya) sobre “A arte medieval como ensencia da modernidade” e Rosario Portela Yáñez (Instituto Galego da Información) sobre “A Idade Media na obra escrita de Luís Seoane”. Ás 12´30 horas, Xosé Luís Axeitos (Real Academia Galega) disertará sobre “A descoberta de Galicia por Seoane: unha cultura, un pobo””. Pola tarde, a partir das 16´30 horas, coñecerase o relatorio de Arturo Casas (Universidade de Santiago) presentado baixo o título “O compromiso como posiciòn no campo cultural. Luís Seoane no campo cultural galego”. A xornada rematará co testemuño de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega. O venres día 9 as actividades trasladaranse á Coruña, á sede da Fundación Luís Seoane, onde presentarán os seus relatorios Xusto Beramendi e Antón Patiño (artista visual) e Ramón Villares, presidente do CCG, clausurará o congreso co conferencia “As Galicias de Luís Seoane”. Por último, procederase a inaugurar a exposición “Luís Seoane: a configuración do posible”. É esta a primeira actividade programada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane con motivo do primeiro centenario do nacemento dunha figura sobranceira da cultura galega (1910-1979). Ao longo do ano, en maio, outubro e novembro, seguirán outros tres encontros en colaboración coas tres universidades de Galicia.


