----

Un gran coro infantil cantoulle á Xeración Nós en Ribadavia na oitava edición de No bico un cantar

As palabras de Otero Pedrayo, Risco e Álvaro de las Casas resoaron nas voces dos trescentos cincuenta nenos e nenas que encheron o Castelo de Ribadavia na oitava edición de No bico un cantar. “Esta é unha actividade moi querida por nós. Programámola pensando nas nenas e nenos que son os protagonistas do día, para que sexa unha experiencia rica e inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade que a institución organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e mais coa colaboración do Concello de Ribadavia. O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou que este concerto, que pecha unha xornada de convivencia e o traballo de todo un ano, “adobía con acerto música, lecer e patrimonio”. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass. Ademais, anunciouse que a vindeira edición terá lugar en Rianxo con Castelao como protagonista, cando se fan 75 anos do seu pasamento.
 Un gran coro infantil cantoulle á Xeración Nós en Ribadavia na oitava edición de <em>No bico un cantar</em>

A escritora Rosa Aneiros repetiu un ano máis como mantedora e nesta ocasión recitou uns versos da «Cantiga de Ribadavia» de Celso Emilio Ferreiro, dedicada a Valentín Fernández, para abrir o concerto. Deseguido, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que esta “experiencia é capaz de xerar un vínculo afectivo coas letras e coa música galega, cos autores e autoras que hoxe forman parte do programa e coa vila de Ribadavia, ergueita ao pé do pai Miño e do Avia, que nos abre as portas”. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor este proxecto por ter unha clara vocación de divulgación da cultura galega e destacou o feito de que nesta edición se lles poña voz e música aos creadores da denominada Xeración Nós “para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista nacida no abrente do século XX e dos seus artífices”. A oitava edición do encontro recuperou a temática programada en 2020, no que se conmemoraba o centenario do nacemento de Nós (o 30 de outubro de 1920 viu a luz na cidade de Ourense o “boletín mensual da cultura galega, órgao da sociedade galega de publicacións Nós”), para lembrar e homenaxear o legado da revista e dos seus artífices.

A Fanfarria Rhaptosodya nº 1, de P. Dukas e J. Viceiro, mais dúas pezas renacentistas de G. Farnaby e A. Holborne abriron o apartado musical. Despois o coro cantou Coita, poema no que Álvaro de las Casas lamenta a necesidade do mar e que foi musicado por Antón García Abril. Seguiulle Ao lonxe, con versos en que Otero Pedrayo expresa a morriña da distancia e soña a Compostela prometida, e que conta coa música de Antonio Iglesias. Pechou este primeiro bloque a panxoliña de Nadal de Risco, á que o compositor recentemente finado Cristóbal Halffter lle puxo música. A peza musical Le Coucou de L.-C. Daquien deu paso á segunda parte do programa, na que tivo lugar a estrea absoluta da peza Vos nova, que Aaron Siebert-Castiñeira compuxo por encarga do Consello da Cultura Galega para a ocasión sobre o poema de Ramón Otero Pedrayo “Canta nos hourizontes a vos nova”.
O concerto rematou con Maio longo de Rosalía de Castro, convertido en himno deste proxecto e co que pecha cada edición.

A xornada pecha un ano de traballo
A xornada deste venres pon o ramo a unha actividade que arrincou co inicio deste curso. O alumnado de canto e de linguaxe musical de dez conservatorios profesionais de música (CMUS) estiveron ensaiando o repertorio ao longo de todo ano. Os centros que participan nesta edición son o CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS de Verín, CMUS de Xinzo de Limia e CMUS de Ribadavia, xunto con alumnado das escolas de música municipais de Ribadavia e de Barbadás e mais o coro infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia. Á súa chegada tivo lugar o ensaio xeral, o primeiro que desenvolveron de maneira conxunta, dirixidos por Maximino Zumalave e co grupo de metais Hércules Brass. Tras a comida participaron en varias actividades lúdicas organizadas polo Concello de Ribadavia.

Unha iniciativa colaborativa
“Na frente unha estrela, no bico un cantar” é o célebre verso de Rosalía de Castro que dá título a este programa didáctico musical. É unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, xunto co concello que acolle cada edición. O pianista e director Maximino Zumalave foi un dos máximos impulsores do proxecto, que conta tamén con outros nomes destacados. Entre eles atópase o de Juan Durán, responsable de todos os arranxos desta edición e moi vencellado ao proxecto desde o seu nacemento.

Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018) e a tradición musical da raia (Tui, 2019).