----

O novo especial de Proxector recompila unha ducia de vídeos didácticos sobre os arquivos

“Arquivos: conservar a memoria para mellor difundila” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os doce recursos audiovisuais que se escolman nesta ocasión buscan dar a coñecer algúns dos arquivos de referencia en Galicia, profundar nas súas funcións e nos servizos que prestan, así como pór en valor os documentos que neles se custodian. Con este especial o CCG súmase ao Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora anualmente o 9 de xuño para promover a importancia deste tipo de institucións.

Arquivos: difundir a memoria

Proxector

“Os arquivos son entidades cun importante papel na misión de preservar e facer accesibles os documentos que repercuten na vida diaria da cidadanía”. Así comeza a entrega de Proxector deste mes de xuño, que pon o foco no labor que desenvolven tanto algunhas das institucións arquivísticas máis importantes de Galicia como aqueles centros de ámbito local ou municipal. Sobre estes últimos fala, precisamente, Ángel Arcay, director da Biblioteca e Arquivo Municipal de Betanzos e do Museo das Mariñas, na peza “Arquivos e historia local”. Nela subliña as funcións deste tipo de institucións e a importante contribución que fan á educación, á cultura e á investigación da historia local.

Xunto cos arquivos municipais, o especial destaca tamén os servizos que prestan á Administración e ao conxunto da cidadanía algúns arquivos de titularidade autonómica, como o Arquivo de Galicia, e estatal, como os arquivos históricos provinciais de Pontevedra e Ourense. Así mesmo, afonda en certos documentos de gran valor que custodian estas entidades. É o caso, por exemplo, das listaxes de embarque de pasaxeiros cara a América, elaboradas pola Comisaría de Policía do Porto de Vigo e que están depositadas na actualidade no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Estas listas constitúen un importante rexistro “para o estudo da emigración transoceánica dos séculos XIX e XX”, explica a nova entrega de Proxector.

Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense preserva un contrato de foro formalizado en 1476. Nel, o mosteiro de Santa María de Montederramo cedíalle ao matrimonio formado por Meen Fernándes de Cristosende e María Fonso o dereito a gozar dunhas terras situadas en San Salvador de Cristosende a cambio de que o matrimonio pasase a ser vasalo do mosteiro e entregase unha parte do centeo recollido nesas terras como pago. O arquivo provincial ourensán conserva, así mesmo, o título de barbeiro sangrador que lle foi concedido a Juan de Castro a finais do século XVI e que permite coñecer a técnica da flebotomía empregada naquela época. Sobre a importancia destes dous documentos afondan as pezas “O foro: un contrato agrario esencial na historia de Galicia” e “Reciclaxe de documentos: un título de barbeiro sangrador”, respectivamente.

O proceso de restauración da Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845) que levou a cabo o Arquivo do Reino de Galicia e mais un percorrido pola mostra que organizou esta institución cunha selección de códices e documentos datados entre os séculos X e XVIII forman parte tamén dos contidos escolmados para a nova entrega de Proxector.

Completan o especial un vídeo sobre o interese histórico e cultural do edificio Arquivo, actual Liceo de Betanzos; outro arredor da creación en 1926 dun novo “Arquivo gráfico” ou Sección de Catalogación Iconográfica no Seminario de Estudos Galegos, no que se explica a importancia que tiñan os elementos gráficos nas súas campañas de investigación, e un recurso divulgativo sobre o arquivo dixital Galiciana e o xeito de procurar información nel.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos, que agora están ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados. Neste mes incorporou o deporte como nova área temática.