Representantes das tres confesións relixiosas maioritarias en Galicia reuníronse hoxe no marco dos Encontros para coñecer a súa situación no que atende ao idioma. José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos). Lembrou que a primeira igrexa evanxélica se fundou na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... “Con respecto á liturxia fúnebre, cando alguén falece pensamos que o que morreu está mellor”. O que nos preocupa é a familia e os que sofren a separación. Na nosa forma de actuar están os que teñen a perda. Houbo moitos cambios, os primeiros cemiterios civís eran evanxélicos e había que enterralos de noite. Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán. Con todo, describiu últimas iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.
Rubén Aranburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Marín, explicou que tiña unha lápida en galego do século XIV. O clero novo, os máis mozos, son do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan de Venezuela, Colombia, África, que non entenden o tema da lingua. “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou Aranburu.
Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí. Con todo, a lingua galega non está presente. Con todo, a nivel de convivencia, afirmou, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".
A lingua e a relixión católica
“A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.” “Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.
O galego nos servizos funerarios
Pola tarde falouse dos servizos funerarios e da lingua empregada. Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios, explicou que o uso do galego nas esquelas é baixo, só o 5% do servizos que prestan. Na súa opinión “temos un problema para normalizar a morte, e máis aínda na nosa lingua, porque se negocia todo en galego pero á hora de plasmalo, prefiren facelo en castelán”. Canda el, Manel Pardo, de Lindeiros, achegou a experiencia “de dúas décadas lendo esquelas en galego na radio” mentres que Ana Fabeiro, empresaria de arte floral deu un exemplo positivo, xa que apuntou que o 95% dos traballos florais que lle encargan están en galego. Ademais, a responsable de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez, apuntou que o importante “é romper a barreira dos inicios, da reticencia inicial das familias pero por inercia e falta de costume”.
Pechou a xornada unha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Yoani Jartín Salgado amosou o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; Manuel Campos Sanmartín falou do “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e pechou Marta Besada coa súa presentación “Galeg@ para sempre”. A xornada pechou coa ruta guiada “As mil caras da morte compostelá”, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratou o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.
Os Encontros para a Normalización Lingüística
O evento insírese dentro do marco dos Encontros para a Normalización Lingüística, iniciados no ano 1993 e consistentes nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello, co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean: a súa sociedade, os seus retos e as perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.