“O comisariado. Misterios e desvelos”, é a temática da conferencia coa que principiará esta sesión o xornalista e crítico Ramón Rozas. Rozas é comisario independente, crítico de arte e xornalista cultural e tratará, precisamente, o papel do comisario de arte e as súas funcións ao longo do tempo. Inmediatamente despois terá lugar un coloquio titulado “Perspectivas actuais sobre o comisariado e a curadoría artística en Galicia”, no cal persoas vidas do eido da xestión cultural e do comisariado abordarán, dende a súa experiencia no sector cultural, os retos, eivas e acertos do estado actual do traballo de comisariado e a súa relación co resto do ecosistema cultural e artístico, coa ollada posta no futuro desta profesión. Nel tomarán a palabra Santiago Olmo, comisario, fotógrafo, crítico de arte e, director do CGAC; Helena Mendes Pereira, xestora cultural e investigadora en políticas culturais e prácticas artísticas contemporáneas; xunto con Sara Donoso, comisaria e xestora cultural e Natalia Balseiro, investigadora e curadora cultural. A conversa estará moderada pola xestora cultural e coordinadora da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG Paula Cabaleiro. Trátanse, informa o programa do Consello, de cinco perfís “cunha acreditada traxectoria no campo do comisariado e cuxas olladas e reflexións permitirán obter unha excelente radiografía do sector neste momento”.
A arte en tempo real
Este ciclo do CCG ten a ollada posta no estado actual da arte en Galicia, nos seus participantes, sector e retos e comezou a andar o pasado mes de setembro. Foi, daquela, unha xornada dedicada ao colectivo dos artistas e o diálogo do seu traballo con disciplinas como a historia da arte, a filosofía e a psicoloxía que contou coa presenza de profesionais do sector como Suso Fandiño, Mónica Alonso, Tono Carbajo e Diego Santomé, que describiron un panorama difícil para a creación en Galicia, no que destacaron os problemas da remuneración que fai posible o proxecto artístico.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
A cita é unha proposta organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, coordinada por Manuel Quintana Martelo e que está integrada por Paula Cabaleiro Comesaña, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid Enríquez, Jesús Pastor Bravo, María Asunción Rodríguez Rodríguez, Luis Rosón Ferreiro, Ramón Rozas Domínguez, Sofía Santos Pérez, Rosario Sarmiento Escalona, Manuel Vilariño Seco e Lucía Yáñez Anllo-Vargas.
Ademais do ciclo A arte en tempo real, a Sección traballou noutras actividades abertas ao público como foi o caso do ciclo Revisando a nosa arte, unha serie de xornadas nas que o CCG puxo o foco en artistas galegos insignes como Urbano Lugrís, Paco Pestana, Xaquín Marín e Reimundo Patiño ou Alberto Datas, persoeiros protagonistas das derradeiras sesións deste ciclo.



