NOTICIA

----

A astronomía centra o Proxector deste mes de novembro

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), pon o foco este mes na astronomía. Baixo o título “Unha ollada ao Universo no Día da Ciencia en Galego”, xunta unha ducia de vídeos que seguen o ronsel da celebración do XV Día da Ciencia en Galego, impulsado pola Institución Galega da Ciencia (Igaciencia).

“Neste mes de novembro a Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) convida á comunidade educativa a celebrar o XV Día da Ciencia en Galego poñendo o foco nun campo de estudo tan ambicioso e complexo coma fascinante: a astronomía” incide o texto introdutorio deste especial do CCG. Esda disciplina “que actualmente non se cingue ao ámbito académico senón que esperta interese na sociedade en xeral” e pon de exemplo “a crecente demanda dos ‘destinos turísticos Starlight’, escenarios con características especialmente propicias para a observación do firmamento que son considerados tamén parte do noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural”.

A astronomía e as súas perspectivas
Este Proxector achégase tamén á astrofísica, á astrofotografía, á exploración espacial, á observación astronómica ou á perspectiva de xénero a través de diferentes vídeos. Destaca un do divulgador Xabier Pérez Couto ao redor das características do ceo no outono; unha peza da área de divulgación da Universidade de Vigo sobre o que estuda a astrofísica; unha investigación realizada na USC arredor do meteorito de Traspena, “que constitúe un fito na astronomía galega” xa que é a primeira caída ben certificada dun meteorito en Galicia, ademais de ser a primeira vez na que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica é realizada por investigadores galegos, concretamente da Universidade de Santiago de Compostela.

Tamén hai material audiovisual ao redor de mulleres pioneiras como Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller autora dunha tese sobre astronomía en España, xunto a ela, na charla impartida por Nuria Richer, do colectivo Ío amósanse os casos doutras mulleres que ao longo da historia “foron referentes nesta área”. A observación do amencer coma se estivésemos no planetario da Coruña, a fotografía de fenómenos astronómicos, os chamados “raios cósmicos”, as leis de Kepler, o funcionamento do sistema solar e a procura de vida fóra da Terra son as temáticas do resto de materiais audiovisuais dispoñibles. Dentro do propio especial, asemade, hai unha ligazón que da acceso a ata 60 contidos máis en relación coa temática da astronomía.

Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.