Orfo de pai desde moi novo, Valentín Lamas Carvajal estivo ao coidado dun tío que foi o apoio familiar nesta etapa. Vázquez-Monxardín destaca a importancia do período inicial xa que “na escola primaria coincide Lamas con Amalia Rosina Sánchez, quen, andando o tempo, será a súa esposa e figura clave na súa existencia, pois, como autor invidente boa parte da súa vida, precisou axuda constante para desenvolver as múltiples tarefas nas que se viu envolto”.
A entrada dá conta do papel de Lamas Carvajal no xornal El Heraldo Gallego, publicación sobranceira da prensa cultural da Restauración que marca o inicio dunha vida profesional dedicada á prensa. Conta tamén que 1875 foi un ano clave para o autor xa que “publica o seu primeiro libro de poesía, o primeiro en galego desde os Cantares gallegos de Rosalía, co título de Espiñas, follas e flores. Primeiro ramiño, obra que ten un inmediato éxito popular, e que leva un prólogo que é un verdadeiro alegato en favor da lingua e a poesía en galego, especialmente de Rosalía, pero tamén de Pintos, Camino, García Mosquera, Saco e Arce”. Nese mesmo ano dá ao prelo Dez cartas escritas pr’os gallegos, un texto fundamental para coñecer a posición ideolóxica e desexos de futuro do autor naquel momento.
Afonso Vázquez-Monxardín tamén salienta a importante participación de Lamas Carvajal en O Tío Marcos d’a Portela, xornal que integrou a práctica totalidade da intelectualidade galega desde os Precursores ata os autores do Rexurdimento, así como as desavinzas con Murguía polas críticas que fixo sobre a obra Desde la reja. Cantos de un loco. O mesmo ano que pechan O Tío Marcos e El Heraldo Gallego, ambos os dous por problemas económicos, Lamas presenta Saudades gallegas, outra obra relevante da súa produción literaria.
Logo de facer un percorrido pola súa obra poética, Monxardín destaca a súa faceta narrativa, na que “concentrou as súas últimas contribucións ás letras”. Descríbeas como narracións breves que publicou en diferentes formatos (como artigos de xornal, publicacións ou compendios). E, sobre todo, destaca o Catecismo do Labrego, “un dos libros máis editados, lidos, escoitados e recitados da nosa historia cultural que mesmo deu pé a imitacións posteriores noutras linguas”, en palabras de Monxardín.
En 1905 foi designado para formar parte da fundación da Real Academia Galega, pero quixo a casualidade que Lamas Carvajal morrese no día en que esta se constituíu, o 4 de setembro de 1906.
A entrada do Álbum está acompañada de abondosos materiais para complementar a información sobre o autor (estudos, vídeos...), entre os que destaca unha fotografía inédita facilitada pola familia.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum de Galicia conta con máis de 760 entradas, das cales as máis recentes son as das cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares, Eduardo Lence-Sartar, Avelino Cachafeiro, Lola Ferreiro ou Aurora Sampedro. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Constitúe, xa que logo, un punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.