----

Preséntanse en Vigo a reedición de Recuperemos as mans e Evidencias de María Xosé Queizán

Na década dos oitenta, saíron ao prelo Recuperemos as mans é Evidencias, dúas contribucións imprescindíbeis de María Xosé Queizán como pensadora galega ao debate feminista. O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta este venres no MARCO de Vigo (19:00 horas) a reedición conmemorativa deses textos, nunha xornada que servetamén de homenaxe á autora. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, asiste a este encontro no que participan Carme Adán, Helena González, María Xosé Porteiro, Iolanda Veloso, Marga do Val e Inma López Silva.

A reedición impresa das obras Recuperemos as mans e Evidencias serve de homenaxe, posta en valor e difusión de obras importantes na historia do feminismo en Galicia. Na primeira delas, Queizán critica o marxismo desde unha perspectiva feminista, empregando argumentos propios do marxismo para denunciar a explotación e opresión das mulleres na sociedade contemporánea. O ensaio aborda as controversias entre o feminismo galego de segunda onda e o marxismo, sinalando as limitacións deste último ao tratar a represión das mulleres. Ademais, destaca a importancia de recoñecer e valorar o papel das mulleres na transmisión da lingua, cultura, crenzas e tradicións galegas, especialmente no ámbito rural e mariñeiro, onde considera que se conserva a verdadeira identidade galega. A autora establece un paralelismo entre a dependencia nacional de Galicia e a subordinación feminina, sinalando que ambas sofren explotación e discriminación. En Evidencias, ensaio que Queizán publicou en 1989 no que recompila traballos anteriores e nos que establece un paralelismo entre a escravitude da muller e a situación do idioma galego, presentándoas como dúas realidades semellantes por estaren igualmente oprimidas. Ambas as dúas obras estarán dispoñibles para descarga desde o web da institución desde este mércores, aínda que a versións en papel se presentarán no vindeiro mes de marzo.

Inma López Silva conduce este acto no que está prevista unha mesa redonda na que participan Carme Adán, Helena González Fernández, María Xosé Porteiro e Iolanda Veloso. Remata cun recital a cargo de Marga do Val.

A presentación ten lugar un mes despois da homenaxe que o Consello da Cultura Galega fixo á escritora na súa sede. Aquela sesión trouxo á actualidade a vixencia do seu pensamento pero tamén serviu para recoñecer a relevancia da súa escrita naquela etapa histórica dos inicios democráticos na que comezaban a mudar comportamentos, que comezaban a abrir a independencia económica da muller e, con ela, a súa saída do privado, do doméstico.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Esta actividade sitúase nunha iña de traballo que presta atención a cuestións de actualidade sobre as que antes se falou de ecofeminismo, gordofobia ou maternidade, entre outros.