Panorámica sobre a oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade
22/5/2025
O Consello da Cultura Galega presenta o documento de traballo Oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade, no que se ofrece unha panorámica do lugar que ocupa este público na programación e produción cultural en lingua galega e se sonda a opinión das entidades culturais sobre a necesidade de aumentar a oferta.
En termos xerais, en 2024 as entidades da cultura galega realizaron de media o 54,67% da súa produción en galego e un 20,7% exclusivamente nesta lingua. As porcentaxes medias máis elevadas de produción cultural en galego proveñen dos departamentos de cultura das distintas administracións (92,65%) e dos museos e as actividades relacionadas co patrimonio cultural (80,69%). As máis baixas correspóndenlles ás entidades dedicadas ás artes gráficas (28,88%) e ao comercio de libros e publicacións periódicas (26,66%). A maior parte das entidades participantes na mostra ofertan produtos en galego para público infantil ou xuvenil (73%), pero só dedican algo máis dun terzo (37,74%) do total da súa produción en galego a este público.
No que respecta ás opinións e expectativas, unha parte moi significativa do sector cultural afirma que estaría disposta a incrementar a súa oferta de produtos e servizos en galego dirixida ás novas xeracións se se puxesen en marcha medidas eficaces para aumentar a demanda. As medidas concretas para aumentar esta demanda que acadaron un maior grao de aceptación por parte dos profesionais do ámbito cultural son: o fomento de produtos en galego nos centros educativos (92,8%), a creación de contidos de lecer dixitais en galego en plataformas e redes sociais (90,8%), a mellora da difusión da oferta existente mediante información específica dirixida á mocidade (87,7%), axudas á produción de contidos (84,3%), campañas con persoas destacadas do ámbito deportivo, artístico ou dixital (83,9%) e creación dunha plataforma que reúna toda a oferta infantil e xuvenil en galego (82,0%).