O simposio, aberto ao público, pretende poñer en valor o liño, destacando o seu potencial para impulsar modelos económicos sustentables e innovadores no medio rural galego. A xornada comezará cunha presentación institucional a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Jorge Mira Pérez, membro do plenario do CCG; e Manuel Muíño Espasandín, alcalde de Zas. Após a inauguración, Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), afondará na “Estratexia de Especialización Intelixente en Galicia” e o seu papel na xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación.
Seguiralle o relatorio do catedrático da USC Francisco Javier Sardina López, titulado “O liño: do pasado remoto a un futuro brillante”, que explorará as posibilidades do liño como recurso tradicional con proxección futura. Nuria Calvo Babío, catedrática da Facultade de Economía da UDC, que abordará “A importancia do emprendemento transformador no espazo rural galego”.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda moderada polo alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, na que participarán Carmen Riveiro, presidenta da Asociación de Amigos do Liño; Manuel Escourido Calvo, coordinador do Grao en Deseño Industrial de Moda da UDC; e Braulio Pérez Astray, director adxunto da Fundación Universidade da Coruña.
A xornada concluirá coa exposición das principais conclusións e a clausura oficial do evento.


