Certame de contos científicos para público infantil
28/5/2025
A Sociedade de Científicos Españois no Reino Unido (CERU), en colaboración coa Fundación Lilly, a revista Principia, a Universidade de Liverpool e o Instituto Cervantes, convoca a sexta edición do certame de relatos infantís Ciencia-me un conto, unha iniciativa de carácter internacional na que se emprega a escritura creativa como ferramenta para a divulgación científica. O obxectivo é inspirar vocacións e promover a alfabetización científica entre o público infantil e, ao mesmo tempo, proporcionar unha plataforma para que científicos, comunicadores ou educadores poidan divulgar os seus coñecementos.
O certame está dirixido tanto a membros de CERU como a amigos de CERU, que poderán presentar os seus textos en inglés, castelán, galego, éuscaro ou catalán. Outorgaranse tres premios (de £100, £50 e £20) en cada unha das categorías/idioma.
A data límite para presentar os contos é o 30 de xuño de 2025.