----

Outubro pecha con homenaxes a Anna Turbau, Fernando Calvet e María Xose Porteiro

O Consello da Cultura Galega organiza entre o 27 e o 30 de outubro catro xornadas que poñen o foco na fotografía, a ciencia, a creación contemporánea e o xornalismo. Cada unha destas sesións propón unha reflexión sobre persoas e ámbitos pioneiros que marcaron a evolución cultural, científica e social de Galicia nas últimas décadas como son a fotoxornalista catalá Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025); o pioneiro da química Fernando Calvet (Vilafranca del Penedès, 1903- Barcelona,1988) e a xornalista, política e escritora María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Todas as actividades son de entrada libre previa inscrición pero poden seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

A semana abre con “A propósito de Anna” (luns 27, 16:15 horas), unha homenaxe á fotoxornalista catalá Anna Turbau, recentemente falecida, que contará coa coordinación de Margarita Ledo Andión. A xornada achegará a ollada crítica e comprometida dunha das pioneiras do fotoxornalismo en Galicia durante a década de 1970 e analizará a súa influencia nas xeracións posteriores. O programa estrutúrase arredor de dous bloques: o primeiro, “Xeración: desobedecer as regras”, reúne a Margarita Ledo, Pepe Baeza, César Portela e Ana Cabana, nun diálogo sobre a mirada rebelde e o compromiso ético de Turbau; o segundo, “Variacións: vivir noutras olladas”, contará con Adra Pallón, Chus Villar, María Planas e Ana Tomé, que revisarán a vixencia da súa obra e o seu legado na fotografía contemporánea. A actividade enmárcase na continuidade da exposición e do libro “Anna Turbau. Galicia 1975–1979”.

O martes 28 o CCG súmase ao recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias a Fernando Calvet i Prats, Científico Galego do Ano 2025, cunha xornada dedicada a poñer en valor a figura dun pioneiro da bioquímica e da biotecnoloxía en Galicia. O programa inclúe dúas mesas de relatorios: unha primeira centrada no contexto histórico, coa participación de Ricardo Gurriarán, Xosé Luís Pastoriza e Xoán Carmona, e unha segunda dedicada ao sector biotecnolóxico actual, con intervencións de Manuel Freire Rama, Beatriz Díaz Lorenzo e José Manuel López Vilariño. As sesións estarán moderadas por Manuel Puga e Francisco Díaz-Fierros.

O mércores 29 terá lugar unha nova sesión do ciclo “Arte en tempo real”, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas e coordinada por Paula Cabaleiro e Silvia García González. Nesta ocasión o encontro centrará o foco na evolución do sistema de bolsas e residencias de creación en Galicia, analizando o seu papel como motor de impulso á creación contemporánea e incorporando tamén voces doutros contextos para estudar as novas correntes nacionais e internacionais. Participarán Mónica Alonso, Elena Bangueses, Ignacio Barcia, Félix Fernández, Susana González, Verónica Santos e Helena Vaz da Silva.

O xoves 30 de outubro o Consello da Cultura Galega homenaxeará a María Xosé Porteiro, pioneira do xornalismo en Galicia, activista, política e defensora do feminismo e da xustiza social. A xornada, coordinada por Carme Adán e Belén Puñal, celebrará a traxectoria dunha muller que fixo da palabra e do compromiso unha forma de vida, destacando o seu papel como xornalista nos anos setenta e como impulsora de políticas de igualdade nas décadas seguintes. Intervirán Montse Fajardo, Ánxela Fernández Callís, Víctor F. Freixanes, Susana López Abella, Inmaculada López Silva, Eliana Martíns Alvela, Ana Miranda, Claudia Morán Mato, María Prado Rúa, Belén Puñal, Dolores Vilavedra e Sonia Vizoso .