----

A Asociación Cultural Val de Láncara concede a María Vázquez o premio Ramón Piñeiro, facer país

A actriz María Vázquez é a gañadora da XXIII edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país que concede a Asociación Cultural Val de Láncara. “É unha muller galega, comprometida coa lingua galega, defensora do rural con humildade e compromiso” destacou Lucía Arrojo Vázquez, membro da asociación, na comunicación do fallo que tivo lugar este luns no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o valor deste certame que “é un modelo de pluralidade e de traballo pola cohesión do territorio”. Na presentación do resultado estaba tamén Xurxo Rodríguez, en representación da asociación, e a concelleira de cultura de Láncara, Alba Sangil.

A Asociación Cultural Val de Láncara destaca da premiada que “representa con claridade os valores do premio: a defensa activa da lingua galega, o compromiso coa cultura galega, a posta en valor do rural e a proxección internacional do noso país desde unha óptica propia e sen renuncias”.

Na comunicación do resultado, Lucía Arrojo lembrou que María Vázquez acadou o premio Goya a mellor actriz por Matria, un filme integramente en galego. “Este papel en Matria é un reflexo do que ela mesma representa: unha muller galega con raices fondas. María Vázquez fai país porque vive o país e entende que facer país é vivir a lingua, apoiar a cultura e coidar o territorio” afirmou na presentación.

O premio entregarase ó vindeiro 29 de novembro nun acto (12:00 horas) no que a anterior premiada, Yolanda Díaz, entrega o galardón na Pobra de San Xiao. Desde alí trasladaranse a un dos lugares emblemáticos como é a ponte de Carracedo e remata nun xantar popular (previa inscrición no 691 17 56 50).

A Asociación Cultural
A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron "polo seu labor de promoción, defensa e vertebración" da comunidade autónoma de Galicia. O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes.

Yolanda Díaz Gallego, a Asociación Xermolos, Isaac Díaz Pardo, Luis Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a RAG, Mini e Mero, Margarita Ledo, Luar na Lubre ou Luz Fandiño son algún dos anteriores gañadores deste certame.