----

Campaña de transmisión lingüística interxeracional no Concello de Santiago

A Concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago, en colaboración coa Deputación da Coruña, botou a andar unha nova campaña deseñada para sensibilizar as familias compostelás sobre a importancia de transmitirlles aos seus fillos de forma temperá a lingua galega.

A campaña organízase arredor de tres momentos: o embarazo, o parto e o rexistro, e para o seu desenvolvemento contouse coa colaboración das diferentes entidades que teñen relación co nacemento do neno/a, como son os centros de saúde, as tendas especializadas en puericultura ou o Rexistro Civil.
(Máis información)




As tres fases nas que se organiza a campaña son as seguintes:


1ª fase: “Chámame”

Distribución dun folleto sobre a utilización dos nomes de persoa galegos nos servizos de atención ao embarazo (clínicas xinecolóxicas, matronas, clases de preparación do parto, tendas para bebés...)


2ª fase: “Fálame”

Distribución, despois do parto, dunha carpeta informativa cun argumentario sobre a importancia de elixir o galego como lingua de comunicación, unha explicación sobre as técnicas de aprendizaxe lingüística e un babeiro de agasallo.


3ª fase: “Teño lingua e non é de trapo”

Distribución no Rexistro Civil dun boneco de peluche cunha mensaxe de autoafirmación lingüística.