Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2009.- O Consello da Cultura Galega organizará en 2010 un congreso sobre a figura e o legado cultural e artístico de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) ao cumprirse o centenario do seu nacemento. Con tal motivo publicará tamén o epistolario emitido e recibido polo ilustre exiliado republicano e galeguista. Da importancia dese legado fala hoxe no Centro Gallego de Bós Aires o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, iniciando un programa de actividades que, ao longo de dez días, incluirá dúas conferencias, a presentación de tres publicacións e a inauguración de exposicións en Bos Aires e Rosario (Arxentina).
Ramón Villares fala esta tarde no salón de sesións do Centro Gallego de Bos Aires sobre “Luís Seoane e cultura galega en Bos Aires”, onde subliñará a especial proxección deste creador como “pintor, deseñador, escritor e promotor cultural de gran relevancia para a cultura arxentina, pero tamén para a galega europea, que con Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Arturo Serrano-Plaja, Otero Espasandín e Rafael Dieste, constituíron un equipo de traballo que marcou a industria editorial, o deseño gráfico e a crítica literaria de Bos Aires durante mais dunha década”.
Ramón Villares estará compañado polo Presidente do Centro Gallego, Julio Martínez Fernández e a directora do Instituto Argentino de Cultura Galllega, Aurora Barbeito. A conferencia servirá tamén para clausurar a exposición itinerante “Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración”, promovida polo CCG e a Secretaría Xeral da Emigración, e inaugurada o pasado 4 de marzo no Centro Gallego de Bós Aires. Trátase dun conxunto de 62 paneis verbo-icónicos que resumen mais dun século de historia do asociacionismo e a capacidade autoorganizadora da emigración galega. Con anterioridade puido verse en Lisboa, Sevilla, e Mar del Plata. O vindeiro 4 de abril será inaugurada no Centro Gallego de Rosario polo Presidente do Consello da Cultura Galega.
Á figura de Luís Seoane e á súa relación con José Luís Romero dedicará Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, a conferencia que dictará o 1 de abril sobre “José Luís Romero e o exilio republicano na Arxentina” no marco das xornadas internacionais dedicadas ao notable historiador e intelectual arxentino, organizadas pola Universidad Nacional de San Martín e a Biblioteca Nacional Arxentina.
O día 3 de abril o Presidente do Consello da Cultura Galega presentará o libro “Las migraciones españolas a la Argentina. Variaciones regionales (siglos XIX y XX)”, de Nadia De Cristóforis e Alejandro Fernández. O acto, no que tamén intervirá Carina Frid, da Universidad Nacional de Rosario, terá lugar no Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos, de Bos Aires.
O día 6 de abril Ramón Villares participará no acto de presentación do libro “Ramón Otero Pedrayo: Galicia e Europa. Bos Aires 26 de xullo 1959”, editado polo Consello da Cultura Galega. A disertación celebrarase na Sala de Investigadores do Instituto de Historia Argentina y Americana “Dr. Emilio Ravignani”, de Bos Aires, e contará coas intervencións de Luís Alberto Romero e Fernando Devoto, historiadores e profesores da Universidade de Bos Aires.
O día 7 de abril Ramón Villares inaugurará no Centro Galicia de Bos Aires a exposición “O sorriso de Daniel”, promovida e realizada polo Consello da Cultura Galega para dar a coñecer a realidade e a diversidade da cultura galega nas súas diferentes e plurais manifestacións, partindo dos vectores da identidade e da universalidade. A mostra, que xa puido contemplarse na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, pasou tamén por Salvador de Bahía e Sao Paulo (Brasil), Montevideo (Uruguay) e A Habana (Cuba).
Por último, o días 8 de abril, Ramón Villares presentará o libro “Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete y prensa”, dirixido por Rosa María Lojo en colaboración con Marina Guidotti e Ruy Farías. A obra forma parte da serie “Galicia Exterior”, iniciativa da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Este acto terá lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Sociais de Bos Aires e contará coa colaboración da Oficina Cultural da Embaixada de España na Arxentina. Xunto con Ramón Villares intervirá Javier López, director xeral da Fundación Pedro Barrié de la Maza.

