----

A EVOLUCIÓN DAS TÉCNICAS NO MUNDO DA FOTOGRAFÍA E O SALTO AO DIXITAL, EIXOS DA PRIMEIRA "XORNADA FOTODIXITAL"

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acolle desde esta mañá as "Xornadas Fotodixitais" que se desenvolven hoxe, en sesións de mañá e tarde, e mañá, venres, en sesión só de tarde.O presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Manuel Abeledo, foron os encargados de abrir estes encontros, organizados polo CCG en colaboración coa Deputación.

Durante as súas intervencións, os presidentes de ambas as institucións destacaron a importancia de desenvolver este eventos, xurdido co obxectivo da permitir un maior coñecemento das novas tecnoloxías aplicables ao fotoxornalismo. Neste sentido, Alfonso Zulueta asegurou que a institución seguiría atenta a estas novas posibilidades "para o mellor desenvolvemento da cultura, a lingua e a imaxe de Galicia".

O coordinador das xornadas, o fotoxornalista Xurxo Lobato, destacou que estas novas xornadas ábrense dentro dun marco de compromiso do CCG coa fotografía, un compromiso que levou a esta institución a organizar encontros de similares características en 1998, "A fotografia como memoria histórica" e en 1999, tamén sobre fotoxornalismo. O presente encontro, segundo explicou Lobato, vaise centrar nos tres momentos da fotografía: a toma de imaxes, o procesamento e a súa difusión.

O primeiro relator das "Xornadas Dixitais", o director comercial da Axencia Reuters, Enrique Shore, insistui na necesidade de formación profesional específica para quen se dedique ao mundo da fotografía posto que só desde o coñecemento se poderán afrontar os problemas de ética derivados das múltiples posibilidades de retoque e manipulación fotográfica.

Shore tamén fixo un repaso polos avances técnicos que se foron rexistrado na historia da fotografía e, asegurou, " a entrada do dixital no mundo da fotografía supuxo un gran salto", posto que foi unha irrupción moi rápida se a comparamos coa lenta evolución tecnolóxica que vivira a fotografía ata o de agora. A xornada da mañá rematou coa intervención de Alberto Anaut e Bernardo Pérez, que centraron os seus relatorios nas grandes posibilidades que para o mundo fotográfico supón a xeneralización do uso de Internet, especialmente para empresas como La Fábrica, da que é director Anaut, wwww.lafabrica.com.