Mangado salientou que non se pode falar dunha arquitectura vasco-navarra con identidade propia, pero si dunha xeración de arquitectos destas comunidades que na última década desenvolveron un magnífico traballo e cunha características comúns, como o cosmopolitismo, a densidade e seriedade, a vontade de superación, de investigación e apredizaxe. Criticou sen embargo que tan só para asegurar un éxito mediático, as administración recorran moitas veces á arquitectura de autores estranxeiros e o paradoxo de que a arquitectura máis representativa do País Vasco acabe sendo o Museo Guggenheim Bilbao, do norteamericano Frank O. Gehry.
Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, salientou a importancia de que a cultura galega se abra desde a base da súa propia identidade e con iniciativas coma estas xornadas a outras realidades culturais, estabelecendo canles e foros de debate que redunden na mellor formación dos profesionais galegos. Unha actitude aberta que Mangado calificou de"xenerosa" e que dá conta da visión "enriquecedora e cosmopolita" da cultura galega.
O coordinador da Sección de Arquitectura e coordinador destas xornadas xunto con Mangado, Iago Seara, salientou pola súa banda que este encontro enmárcase dentro da análise pormenorizada que nos últimos meses vén realizando a súa sección de distintos focos de especial significancia arquitectónica na Península. Así, se o pasado ano as conferencias estiveron centradas en Lisboa e Cataluña, tras as xornadas sobre País Vasco e Navarra, o CCG continuará coa análise da arquitectura andaluza e madrileña, entre outras.
Para finalizar a mañá o arquitecto Luis Tena fixo un repaso da súa produción coa ponencia "Obras 1990-2003". Xa pola tarde, Javier Pérez Herreras, Juan Coll-Barreu, Fernando Tabuenca e Jesús Leache pecharán a primeira xornada destes tres días de debate e reflexión entorno á arquitectura que acolle o Consello da Cultura galega.