O volume que o Consello da Cultura Galega elaborou con motivo desta homenaxe reúne os textos de 15 poetas, 13 narradores, 11 críticos e 9 membros do Plenario do CCG, ademais dunha presentación elaborada polo presidente da Xunta, Manuel Fraga, un limiar a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, e un texto explicativo das razóns da homenaxe elaborado polo secretario do CCG, Henrique Monteagudo.
Coa escrita de Casares
Cabe destacar, ademais, que o libro remata cun texto de Carlos Casares extraído da súa intervención nos "Encontros de escritores galegos e portugueses", organizado polo CCG en setembro de 1991. O disco compacto que acompaña a este volume recolle o rexistro sonoro desa disertación, ademais doutros textos de Casares lidos por Xulio Lago, Manuel Manquiña ou Elina Luaces, entre outros.
O acto literario- musical que acompañará a homenaxe constará tamén dalgunhas das lecturas que se recollen no CD, como a de "Ilustrísima", a cargo de Elina Luaces, Miguel Pernas e Xulio Lago. As intervencións de Yolanda Castaño, Víctor F.Freixanes, Salvador García-Bodaño e Luz Pozo Garza completarán esta parte do acto, que rematará coa interpretación ao piano de dúas obras musicais a cargo do vicepresidente do CCG, Ramón Castromil.
O acto institucional, pola súa parte, contará coa presencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás, que acodirá en representación do Presidente, Manuel Fraga, así como o presidente e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta e Francisco Díaz-Fierros, o secretario da institución, Henrique Monteagudo e a viúva de Carlos Casares, Kristina Berg.
A elaboración da información cultural nos medios de comunicación, a especialización xornalística neste eido e as novas propostas no tratamento deste tipo de información son algunhas das liñas de debate que se pretenden abordar durante o encontro A información cultural en Galicia: algunhas ideas para un cambio, que terá lugar o vindeiro día 30 de abril no Consello da Cultura Galega.


