----

EXPERTOS EN COMUNICACIÓN REIVINDICAN O PAPEL DE GALICIA NO MUNDO LUSÓFONO

Un centenar de investigadores, estudantes e profesionais do mundo da comunicación participan desde esta mañá nos II ENCONTROS LUSO - GALEGOS DE COMUNICACIÓN E CULTURA - III CONGRESO LUSO - GALEGO DE ESTUDOS XORNALÍSTICOS, organizados pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O encontro comezou coa reivindicación do papel que debe xogar Galicia no mundo lusófono.

Durante o acto de inauguración, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou a importancia de levar a cabo iniciativas que abran "novos vieiros para a comunicación e a cultura, para a cooperación e o diálogo entre unha e outra beira do Miño". Iniciativas, destacou, como estes encontros e a candidatura conxunta do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco.

O coordinador da Sección de Comunicación, Xosé López, salientou que o obxectivo destas xornadas é "promover o debate e a reflexión sobre a evolución das relacións entre Galicia e Portugal e tender novas pontes que as melloren". Segundo sinalaba o profesor Jorge Pedro Sousa, coordinador da participación lusa no Congreso, "o espazo formado polo Norte de Portugal e Galicia ten probabelmente máis cousas en común que entre o Norte e o Sur de Portugal propiamente". Como froito destes esforzos por intensificar os fluxos de comunicación entre os dous países, o CCG presentou esta mañá as actas da anterior edición dos encontros, que baixo o título "A investigación e o ensino do xornalismo no espazo luso-galego" analizan como pensar a comunicación desde Galicia e Portugal. A publicación está dispoñíbel na web do CCG para a súa descarga de balde.

Nas conferencias inaugurais, a cargo dos profesores Xosé Ramón Pousa, da Universidade de Santiago, e de Moisés Martins, da Universidade do Minho, analizouse a integración de Galicia no mundo lusófono. Así, Pousa destacou as dificultades que atopou a Asociación Galega de Investigadores en Comunicación para ser aceptada nas institucións lusófonas de comunicación. Un esforzo que ten os seu froitos na actualidade xa que , sinala, "os galegos podemos participar no ámbito lusófono sen prescindir do ámbito hispano".

Unha opinión que comparte Moisés Martins, quen sinala que a pesares de pertencer a países diferentes, as comunidades galega e lusófona "teñen un destino común, un mesmo camiño que percorrer". Ese final común, advirte, hoxe é "un soño, un desexo compartido", pero que se acabará convertendo nunha realidade a través da materialización de proxectos comúns como estes encontros. "O soño é o que nos comanda -sinala- pero fai falla un esforzo polas dúas partes".

Martins salientou que de tódolos xeitos cada vez é máis frecuente a presenza de investigadores galegos en proxectos e eventos portugueses e viceversa. E como exemplo, citou que o vindeiro encontro de Lusocom, encontro das faculdades de Comunicación dos países lusófonos, terá lugar en Galicia.

As industrias culturais, as estratexias económicas no sector da comunicación, o sector audiovisual, a relación entre literatura e xornalismo e o uso dos medios de comunicación no ensino son algúns dos temas que abordarán nestas xornadas expertos das universidades de Santiago de Compostela, País Vasco, Minho, Porto, das universidades Autónoma de Barcelona e da Fernando Pessoa, ademais de profesionais do sector como o produtor Pancho Casal ou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Manolo Gómez.