----

O libro "Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846" enriquece a Galicia e prestixia ao CCG, afirma Xosé R. Barreiro Fernández

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/09/pres08_09_10b.jpg" alt="pres08_09_10b.jpg" />

<em><div id="pedefoto">Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Barreiro, Ramón Villares e Ramón Mariño Paz, na presentación do libro no CCG</div></em>

<em>Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2008.</em>- A publicación por parte do Consello da Cultura Galega do libro “Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846” “enriquece a Galicia, prestixia ao CCG e satisface a todos”, na opinión do historiador e Presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, autor ademais das notas histórico-briográficas da obra. Canda él presentaron o libro Ramón Villares e Henrique Monteagudo, Presidente e Secretario, respectivamente, do CCG; e Ramón Mariño Paz, responsable da edición dos textos, as fichas introdutorias e as notas.

<!--more-->

UN TRABALLO INTERDISCIPLINAR

A obra, de 654 páxinas, é o resultado dun traballo interdisciplinar impulsado pola Comisión Técnica de Prensa Histórica do CCG desde 2002. Os autores salientaron a importancia do traballo de coordinación da edición realizado por Rosa Aneiros.
Historiadores, filólogos e estudosos da comunicación traballaron durante seis anos para compilar e editar todos os textos en lingua galega da primeira metade do século XIX e estudalos desde as perspectivas da historia xeral do país, da historia da lingua galega e da historia da comunicación.
A transcricion respectou as características lingüísticas dos orixinais e engadiu dúas fichas referencias con información lingüística e histórica. O catedrático de Historia Contemporánea, Xosé Ramón Barreiro Fernández, encargouse da explicación dos contextos históricos, mentras o profesor Ramón Mariño Paz se ocupaba da transcrición dos documentos e das notas sobre as súas características e localización.
Como apuntan no limiar Xosé López García e Henrique Monteagudo, a recuperación dos textos en galego de inicios do século XIX non é unha tarefa nova, pero “a principal contribución do presente estudo é a ediciòn nun volume conxunto de todos os textos achados ata o momento e tamén a vontade de analizar aquel fenómeno desde o punto de vista histórico, xornalístico, lingüístico e literario”. Consecuentemente, o estudo dos textos “permitirá aos investigadores tirar conclusións non só sobre a traxectoria dos seus autores senón tamén sobre a súa época, a sociedade galega coetánea, os debates ideolóxicos que se acenderon, a diversidade interna da lingua galega (non só dialectal, senón tamén social e estilística) ou as modalidades da comunicación pública na aurora da Galicia contemporánea”.

DATAS E TÍTULO

Ramón Mariño Paz explicou a escolla das datas. 1797 porque nese ano o primeiro gran xornalista galego, Manuel Pardo de Andrade, estreou o uso do galego nunha cabeceira periódica, cun poema no “Diario de Madrid”. E 1846 por ser o ano da revolución frustrada de Solís. A partir da década dos corenta do século XIX as cabeceiras galegas sufrirán unha notable transformación e empezarán a gañar peso os contidos informativos fronte aos ideolóxicos ou literarios.
O título “Papés d´emprenta condenada” apareceu na Estafeta de Santiago (1813) e corresponde a un texto do absolutista Manuel Freire Castrillón que criticaba acedamente os “Rogos d´un gallego” (1812) do liberal Manuel Pardo de Andrade. Nese contexto da loita entre liberais e absolutistas nos albores do século XIX aparecen as primeiras manifestacións na nosa lingua, agora agrupadas, ordenadas e anotadas. Por eso Ramón Villares, Presidente do CCG, puido dicir que o libro “sistematiza todo un caudal cultural ata agora perdido e que está xa ao dispor dos estudiosos da historia, da lingua ou da comunicación.