A situación dos medios tradicionais, a industria editorial, o cine, internet e as tecnoloxías da información, a comunicación corporativa, a industria publicitaria, a utilización da lingua galega e as complicadas circunstancias da profesión xornalística son algúns dos temas analizados no informe “A comunicación en Galicia 2013”.
“Os expertos entenden, apuntan os coordinadores, que a saída da crise dos medios tradicionais de comunicación pasa pola recomposición dos modelos de negocio e pola rexeneración do valor editorial das empresas de contidos. Son dous conceptos clave que resultan afectados polos cambios tecnolóxicos dos novos fluxos de xestión da información e da comunicación e pola recesión económico-financeira iniciada en 2007”.
O volume presenta as achegas de Francisco Campos, Valentín Alejandro, Óscar Juanatey, Berta García Orosa, Victor F. Freixanes, Xosé Ramón Pousa, Antonio Sanjuán, Sandra Martínez Costa, María Jesús Díaz, Miguel Anxo Fernández, Manuel Gago, Xosé Pereira, Xosé López, Miguel Túñez, Alberto Pena, María Isabel Míguez, Xosé Rúas, Xosé A. Neira Cruz, Xosé Manuel Pereiro, Manuel M. Barreiro, Marcos Pérez Pena e Concha Pino
Para os investigadores “resulta evidente que non hai volta atrás e que temos diante de nós un futuro incerto e, tamén, cheo de oportunidades, se a brétema dos avances tecnolóxicos e da crise económica non nos fai esquecer a importancia dos contidos e da sociedade que, de xeito cada vez máis activo e crítico, os recibe e emite”.