O Epistolario dixital de Rosalía de Castro pode consultarse en epistolarios.consellodacultura.org. O Epistolario dixital de Rosalía de Castro supón a segunda incorporación dunha colección de correspondencia ao Proxecto Epístolas do Consello da Cultura Galega. Son 18 cartas que Rosalía remite a Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou a Ángel Baltar, e que foron editadas polo Centre de la Dona de la Universitat de Barcelona, baixo a dirección de Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade.
Precisamente esta editora suliñou que estas cartas supoñen unha revalorización da investigación biográfica ao redor de Rosalía de Castro, xa que na nova transcrición realizada para a súa publicación, aparecen importantes matices que realzan o papel de Rosalía como escritora consciente de selo e cunha marcada “ironía, talento e vontade de estilo”, segundo María do Cebreiro Rábade.


