----

O Consello da Cultura acolle a presentación do libro A ferida da beleza de Segundo Pérez

Este xoves, 8 de maio, terá lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (19:00 horas) a presentación do libro de Segundo L. Pérez López, A ferida da beleza en Nimbos de X.M. Díaz Castro. Asistirán á presentación, ademais do autor, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Ramón López Vázquez, investigador do Centro Ramón Piñeiro.

Xosé María Díaz Castro, o homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, estudou no Seminario de Mondoñedo. O mesmo sitio en que se formou Segundo L. Pérez López (Guitiriz, 1948) polo que agora quere contribuír con A ferida da beleza ao coñecemento da obra poética do escritor lucense. A publicación, que consiste nun estudo en clave teolóxica da obra lírica, está editada polo Instituto Teolóxico Compostelán.