NOTICIA

----

Catrocentos nenos e nenas cantarán a Curros Enríquez en Celanova

Unha frase de Curros Enríquez dedicada a Rosalía, No bico un cantar, sérvelle ao Consello da Cultura Galega (CCG) e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como título dun concerto que une poesía, música e mocidade. O formato tivo unha primeira edición en San Domingos de Bonaval en 2013, e nesta ocasión trasládase ao claustro barroco do Mosteiro de San Salvador en Celanova coa poesía de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851- A Habana, 1908) como protagonista. Catrocentos nenos e nenas de conservatorios profesionais de música de Galicia cantarán catro poemas de Curros acompañados por música de recoñecidos compositores galegos. A cita, que terá lugar o venres 6 de xuño ás 17:30 horas, suporá a estrea da versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha.

400 nenos e nenas chegados de sete conservatorios profesionais de música de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e de tres coros (do CPI Tomás de Lemos, Nenos Cantores Capela Madrigalista, Orfeón Unión Ourensana) son as voces encargadas desta edición de No bico un cantar. O concerto, que organizan o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Orientación Universitaria, conta co apoio do concello de Celanova e do grupo Vegalsa–Eroski. Maximino Zumalave repite como director desta cita, que conta coa escritora e presentadora María Canosa como mantedora e co grupo de metais Hércules Brass como intérpretes. A cita terá lugar no claustro barroco do Mosteiro de San Salvador de Celanova.

Texto e música no programa
O programa está conformado por catro poemas de Curros Enríquez que foron musicados e adaptados por recoñecidos compositores da música culta galega. Así, interpretarase “A Rosalía” sobre música de Xosé Baldomir, “Unha noite na eira do trigo” con música de Xoán Montes e “Os teus ollos” con música de Xosé Castro Chané. Ademais, o Consello da Cultura Galega encargoulle a Xabier Comesanha a versión para coro de nenos e sexteto de metais de “Nouturnio”, un dos poemas máis coñecidos de Curros, que conta a historia dun vello afogado pola mala situación económica e por varias desgrazas persoais, que ten que saír polo mundo a pedir. Unha encarga que terá a súa estrea absoluta este venres en Celanova.

Todas as obras que conforman o programa dan conta da natureza social, cívica, satírica, costumista e de denuncia social que caracterizou a escrita de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 19851- La Habana 1908). Agás “A Rosalía”, publicado trala morte da escritora, o resto de poemas pertencen ao poemario Aires da miña terra.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega ten feito diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes, destaca a versión de Penélope, de Xosé María Díaz Castro, para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (celebrado o 16 de maio en Lugo). Nesta ocasión, ademais da estrea de “Nouturnio”, o CCG pediulle a Juan Durán os arranxos da música de Xosé Baldomir na versión para coros de nenos e sexteto de metais do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios.