----

O debate sobre o voto emigrante plantexou de novo as diferencias entre PSOE, PP e BNG

<em>Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2008</em>.- Os representantes dos grupos parlamentarios galegos concordaron na necesidade de reformar o sistema electoral para propiciar o voto dos residentes no exterior, pero non nos xeitos nin na oportunidade de facelo. Nese punto hai diferencias entre socialistas e populares e, dende logo, entre estes e o Bloque Nacionalista Galego. O debate sobre o voto emigrante desenvolveuse nun seminario organizado polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega celebrado ao longo do día de hoxe e no que participaron tamén expertos e investigadores xunto cos dous relatores: o profesor mejicano Carlos Marino Navarro Fierro e o xornalista galego Anxo Lugilde.

<ul>

<li><a href="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2008/02/texto-foro-emigracion.pdf" title="">Descargue as intervencións de Carlos Marino Navarro Fierro e Anxo Lugilde (<em>en pdf</em>)</a></li></ul>



<!--more-->

Todos están dacordo na necesidade de reformar o sistema electoral dos residentes no exterior e poñer coto ás irregularidades que, en cada consulta, veñen sendo motivo de denuncia. O problema é cómo, cando e con qué consensos facelo, partindo da vontade, máis ou menos decidida, dos grupos maioritarios, PSOE e PP e da notable incidencia que ese voto ten en Galicia, máis aínda se falamos das segundas e terceiras xeracións.
Marisol Soneira (PSOE) amosouse partidaria da circunscrición única, solución que non viu moi clara Castelao Bragaña (PP).
Carlos Aymerich (BNG) declarouse partidario de limitar o dereito ao sufraxio, en contra das posicións defendidas por socialistas e populares e Ana Miranda aludiu á falla de vontade política por parte dos grupos maioritarios e á esixencia de consensos para superar os problemas actuais.
A esa demanda referiuse tamén o xornalista e politólogo Anxo Lugilde que defendeu a creación dunha circunscrición específica no Senado, para o que habería que modificar a Constitución, e fixo fincapé na necesidade de resolver o problema do encaixe dos emigrantes no xogo político galego, "do que non poden ser excluídos". Para Lugilde "sería unha inxustiza histórica aplicar o sistema do péndulo e pasar da máxima xenerosidade no sistema electoral dos expatriados a un modelo altamente restritivo".
Pola súa parte, Carlos Marino Navarro Fierro, do Instituto Federal Electoral de México, que falou do voto estranxeiro en perspectiva comparada, afirmou que non debe perderse de vista a dimensión e a complexidade do voto no exterior e lembrou que calquera decisión ao respecto "garda relación coas condicións e esixencias particulares de cada contexto e que non hai prescricións sobre dispositivos e prácticas de validez e alcance universal".
O debate foi moderado por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, e nel participou tamén, ao igual que na súa preparación, o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas.