----

Arte + Grandes Eventos

As artes visuais contemporáneas adxectívanse baixo o signo do espectáculo. O seu rol social debúllase na contorna das políticas culturais e ao abrigo das institucións márcanse os calendarios expositivos; unhas citas que rexen o ritmo e sinalan aos protagonistas da dramatis personae deste complexo guión do sistema arte. Na secuencia dos grandes eventos culturais escritos polas institucións públicas e privadas —en numerosas ocasións alleas ao eido artístico— xéranse programacións, principalmente expositivas, nas que se exportan como criterios determinados parámetros de actuación.

Na derradeira década do século XX, acompañados pola opulencia do benestar económico, asistimos ao agromar de grandes eventos culturais; foros hexemónicos que, co paso do tempo e xa finalizando a primeira década do século XXI, continúan a retroalimentar os seus ciclos.

A presenza das artes visuais nestas realidades, nestas celebracións e grandes eventos (situados ou non dentro do artístico) é reclamada desde o propio eido, afianzándose a idea de que as políticas culturais marcan os ritmos das artes visuais. Detrás de cada un destes feitos ou eventos artísticos hai toda unha serie de xestos, procesos, decisións e cuestións que constrúen a súa estrutura: Que? Por que? Para que? Quen? Onde? Cando? Como? Canto?

Imaxinación, talento, audacia e rigor; pero tamén financiamento, vocación ou non de superprodución ou entertainment, contido e contedor, audiencias, obxectivos... Todo entra en xogo e, moitas veces, deixa un sabor de conflito: arte e cultura versus espectáculo e show business; coñecemento e pensamento crítico social versus xogos florais, artificiais e acomaditicios; profundidade de contidos versus a superficialidade dunha simple foto como testemuño e acontecemento mediático.

A través destas dúas xornadas de charlas e debate abordaranse diferentes perspectivas sobre estas cuestións: desde a visión sociolóxica até a crítica institucional ou as teorías da cultura e da espectacularización do feito artístico, pasando pola voz dos propios creadores, así como a opinión de directores de museos, centros de arte, bienais, feiras ou xestores de eventos.


<a href="http://consellodacultura.org/files/2010/10/prog_artegrandeseventos.pdf">Descargue o programa en PDF</a>