----

O Concerto das Letras Galegas abre as celebracións do 17 de maio con música

A cidade de Pontevedra volcouse para homenaxear a Xosé Filgueira Valverde na quinta edición do Concerto das Letras Galegas, iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) para celebrar de xeito festivo o 17 de maio. O auditorio sede de A Fundación completou o seu aforo nunha proposta na que destacou a estrea da obra de Xavier de Paz sobre dúas cantigas de Filgueira Valverde, así como a presenza da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Entre os asistentes estaban Ramón Villares, presidente do CCG; Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Anxos Riveiro, concelleira de cultura de Pontevedra; Pedro Otero, director xerente de Afundación e unha nutrida representación da familia Filgueira, entre outras autoridades e personalidades do ámbito cultural e social.
O Concerto das Letras Galegas abre as celebracións do 17 de maio con música

O tradicional concerto que o Consello da Cultura Galega organiza con motivo do Día das Letras Galegas celebrouse en Pontevedra, por ser o lugar de orixe do homenaxeado desta edición, Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). A selección do programa pretendía servir de homenaxe ao extenso e prolífico labor cultural que desenvolveu e no que a música ten un protagonismo destacado. Entre os seus logros neste campo destaca ser un dos promotores da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, presente fóra de programa no concerto desta noite, e impulsor do Festival da Canción que se desenvolveu nesta cidade onde foi alcalde.

Un programa vencellado a Pontevedra e a Filgueira
Maximino Zumalave volveu poñerse á fronte deste concerto, no que dirixeu a Real Filharmonía de Galicia acompañado pola soprano Carmen Durán e o barítono Gabriel Alonso Díaz. A primeira parte do programa recolleu unha composición que o compositor lisboeta Joly Braga Santos (1924-1988) lle dedicou á soprano María Orán en 1983 por encargo da Fundación Gulbenkian sobre textos de Rosalía de Castro; así como catro cancións de José Castro “Chané” sobre textos de Curros Enríquez. A segunda parte tivo un sabor plenamente pontevedrés pola música, as letras, e na que a figura de Filgueira Valverde aparece directa ou indirectamente relacionada. Dunha banda, trátase dunha suite para frauta e orquestra dun coetáneo de Filgueira como foi Iglesias Vilarelle. Da outra, terá lugar a habitual estrea musical que encarga anualmente o CCG arredor da figura do homenaxeado. Nesta ocasión Xavier de Paz (A Coruña, 1963) foi o responsable de poñer música a dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación a Ángeles de Compostela, versos que lle dedicou ao pontevedrés o poeta, músico e mestre Gerardo Diego.

Actos arredor do Día da Letras Galegas
O concerto encadrouse dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas. A primeira delas tivo lugar en febreiro, cando se asinou un convenio para dixitalizar a extensa correspondencia que Xosé Filgueira Valverde mantivo con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e a maior parte da intelectualidade galega do século XX e que repousa nos arquivos do Museo de Pontevedra. A dixitalización comprende o seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia e a cultura de Galicia, como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, entre outros. O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, rolda os 20 000 e está prevista a súa posta a disposición do público ao longo deste ano.

A segunda das actividades foi en abril, cando se presentou a edición facsimilar de Os nenos, a primeira obra narrativa de Filgueira. Está conformada por quince relatos, con ilustracións do pontevedrés Luís Pintos Fonseca, o deseño da capa e da contracapa que lle fixo Castelao en 1925 para a que foi a primeira edición. Canda o texto, esta reedición conta con dous estudos críticos: un literario, a cargo de Fina Casalderrey, e outro artístico, de Miguel Fernández Cid, e incorpora sete ilustracións feitas por David Pintor. A edición pódese descargar desde o web do CCG e ten unha tiraxe de 500 exemplares numerados.

A traxectoria do concerto do Día das Letras Galegas
Desde hai cinco anos o Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas, proposta que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. A iniciativa explora formatos diferentes cun nexo común: a estrea dunha obra para orquestra a partir de textos líricos. En 2013, ao coincidir cos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o CCG convidou a Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical (dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos) para cada un dos poemas da citada obra de Rosalía. O resultado foron 36 composicións que doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretaron en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). En 2014, o Concerto das Letras Galegas presentou un programa enraizado en Lugo, que serviu para ofrecer un crisol da creación musical culta galega ordenado cronoloxicamente: pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes, Jesús Bal y Gay e Rogelio Groba sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde, quen, malia non ser lucense, exerceu docencia en Lugo. A estrea do ano pasado foi a versión musical de "Penélope" encargada ao músico santiagués afincado en Estados Unidos Octavio Vázquez.