----

A análise da industria e o mercado pecha o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020

"Os smartphones son o segundo cerebro dos habitantes do século 21 e o levan na man" afirma José Teixeira, profesor de política cultural da Universidade de Sao Paulo, quen estará mañá no Consello da Cultura Galega para falar do mercado e da industria cultural. A súa intervención insírese na xornada que pecha o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020, unha proposta coordinada por Xosé López, encamiñada a coñecer a relevancia e o papel que desenvolve a cultura nas estratexias europeas. Nesta última sesión tamén participarán Paz Castro da editorial Kalandraka, Emma Lustres da produtora Vaca Films e Asunta Rodríguez da Galeria Trinta. Esta sesión está coordinada pola catedrática Margarita Ledo.

“A cultura é, cada vez máis, parte integrante do sistema de produción da economía” afirma José Teixeira Coelho. Este profesor de política cultural centrará a súa intervención en analizar o papel crecente que a cultura está a desempeñar no sistema económico e no que cómpre diferenciar o consumo cultural do uso da cultura. Nese sentido, apunta á mediación tecnolóxica, os smartphones, ao que chama “segundo cerebro do home do século 21 e que o home leva na súa man”. A súa intervención titúlase “Desafíos da cultura no ecosistema comunicativo do século XXI” e centra a sesión que pon o peche ao ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020.

Completan esta xornada Paz Castro, da editorial Kalandraka; Enma Lustres, da produtora Vaca Films (da súa factoría saíron filmes como Cela 211 ou O neno), e Asunta Rodríguez, responsable da Galería Trinta, que contarán as súas experiencias prácticas sobre o mercado e a industria.

A perspectiva económica pecha o ciclo
Este ciclo está conformado por tres xornadas con tres enfoques diferentes para saber cales son as oportunidades ante un novo contexto europeo no que a cultura ten moito que dicir. Aínda que forman parte do mesmo ciclo, cada xornada ten un coordinador e relatores diferenciados que serven para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A primeira cita tivo lugar o pasado 23 de marzo, nela Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e consultor de numerosos gobernos no deseño de políticas culturais, centrouse na necesidade de implicar a cidadanía no deseño de políticas culturais no caso de procurar accións efectivas e duradeiras no tempo. O seu relatorio veu acompañado da participación de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, quen destacou o peso da cultura nas decisións políticas. Ignacio Aguaded participou cun relatorio sobre educomunicación; é dicir, sobre estratexias educativas que lles ensinen aos escolares a comprender e asimilar as mensaxes dos medios de comunicación ante o exceso informativo.
Na segunda sesión, realizada o 26 de maio, a énfase púxose na xestión cultural. Nesa ocasión, Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación, incidiu no feito de que o deseño das políticas culturais ha de estar baseado no dereito dos cidadáns a participar na vida cultural. A sustentabilidade das políticas, a concepción da cultura como un sistema e non como un sector, ter en conta os intereses xerais e ter a capacidade crítica para analizar a cultura son, segundo Martinell, fundamentais para non perder a primeira liña do que a sociedade solicita. Nesta xornada tamén estiveron presentes João B. Serra, profesor do Politécnico de Leiria, quen explicou en primeira persoa as dificultades e retos da xestión cando asumiu a Capital Europea da Cultura Guimarães no ano 2012 á fronte da Fundação Cidade de Guimarães; Teresa Albuquerque, da Fundação Casa Mateus, e o economista e consultor cultural galego Marcos Lorenzo.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que se contou coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.