----

O idioma galego será obxecto de estudo en Texas

Despois de que a Modern Language Association (asociación norteamericana de referencia para investigadores de lingua e literatura) crease en 2014 o “Galician Language, Literature and Culture Forum”, o idioma galego volve dar un importante paso na súa proxección internacional ao incorporarse, con catro sesións, ao programa do Congreso Anual da Modern Language Association, que terá lugar entre os días 7 e 10 de xaneiro de 2016 en Austin (Texas). A primeira sesión centrarase nas relacións transfronteirizas entre as culturas galega e portuguesa; unha segunda, na tradución, bilingüismo e glocalización nos estudos galegos; a terceira, na produción literaria en castelán no Rexurdimento; e a cuarta, na literatura galega.