----

Preséntase a programación institucional en homenaxe a Carlos Casares

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Carlos Casares, a Televisión de Galicia, o Centro PEN Galicia, a editorial Galaxia, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e Xinzo de Limia presentaron onte, 13 de febreiro de 2017, na Cidade da Cultura, a programación conxunta de actividades coa que homenaxearán a Carlos Casares, escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras e mais o Simposio Carlos Casares 2017. Tamén editará diferentes publicacións e recursos multimedia destinados a divulgar a figura e obra do escritor, que foi presidente do CCG entre os anos 1996 e 2002.