----

Leeuwarden celebra a capitalidade cultural europea cunha semana dedicada ao galego

A cidade de Leeuwarden (Frisia, Holanda) foi nomeada Capital da Cultura Europea de 2018, e entre os diferentes proxectos de conmemoración que se están a desenvolver destaca o Pavillón das linguas, un espazo para difundir a diversidade lingüística de Europa no que, cada semana, unha lingua minorizada diferente é a protagonista. Grazas á colaboración entre Afûk (institución que promove o frisio), a Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego, entre os vindeiros 22 e 29 de xullo, os habitantes e visitantes da cidade de Leeuwarden terán ocasión de coñecer tamén o noso idioma a través dun programa de actividades nos que a música e a literatura galegas serán os eixos principais. Podes ampliar esta nova premendo aquí.