----

Olga Gallego Domínguez. Mulleres e historia

O Consello da Cultura Galega presenta o ciclo “O fío de penélope”, un proxecto que pretende poñer en valor o legado de once mulleres representativas da cultura galega. Son as mesmas ás que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CEDIF) do Consello da Cultura Galega lle dedicou unha xornada para visibilizar o traballo realizado no seu ámbito de coñecemento. Cada venres presentaremos un percorrido virtual polo material desas mulleres guiado por outras tantas figuras recoñecidas para a sociedade galega, ofrecendo así unha lectura nova. A terceira proposta céntrase na obra de Olga Gallego Domínguez na ollada de Concepción Varela OrolHelena González.

O fío de Penélope

Xohana Torres, Olga Gallego, Mabel Rivera, Tareixa Navaza, Carmela Porteiro, Mercedes Goicoa, Pascuala Campos de Michelena, Kathleen March, Elena Colmeiro e Mary Quintero son mulleres que destacaron nos seus ámbitos de actuación, desde a arquitectura ata os medios de comunicación, pasando pola fotografía, o audiovisual ou a arte. O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CEDIF e antes Comisión de Igualdade) puxo os ollos en cada unha delas nunha xornada que se desenvolveu cada ano no mes de outubro. O obxectivo desta cita era visibilizar a súa contribución á sociedade desde o seu ámbito de coñecemento. Agora, aproveitando o tempo de confinamento, rescatamos o seu legado e facémolo cunha lectura nova, a través da ollada de diferentes especialistas no sector en que destacaron cada unha desas mulleres (arquitectura, letras, investigación, ciencia, música...).

Olga Gallego Domínguez. Mulleres e historia
Seguimos tirando do fío de Penélope repasando a traxectoria de Olga Gallego Domínguez. A navegante Concepción Varela Orol, profesora na área de Biblioteconomía e Documentación do Departamento de Humanidades da Universidade da Coruña e membro do Corpo Facultativo de Arquivos e Bibliotecas, repasa a obra desta arquivista referente e traza novas e suxestivas estelas que nacen na propia vida e traxectoria profesional de Olga Gallego para percorrer a súa bibliografía, o fondo documental do Consello da Cultura e as presentacións e investigacións que ocuparon as diferentes xornadas de debate ao redor da arquivística e o patrimonio galego.

Os nomes do ciclo
Cada venres haberá unha nova entrega deste ciclo que percorrerá a importancia de María Josefa Wonenburger Planells no mundo da matemática, o traballo de Olga Gallego no ámbito das bibliotecas e arquivos, o de Tareixa Navaza na comunicación, o da actriz Mabel Rivera no mundo audiovisual e da escena. Tamén se recupera o legado da escultora e ceramista Elena Colmeiro, a fotografía da viguesa Mary Quintero, o traballo de investigación e internacionalización da cultura galega feito por Kathleen March, a arquitectura de Pascuala Campos de Michelena, o legado musical de Mercedes Goicoa e a contribución de Carmela Porteiro ao mellor coñecemento do mundo oceanográfico.