----

Luciano Concheiro, fillo de exiliado galego en México: "É urxente recuperar a memoria do exilio heredado"

"Urxe recuperar o exilio, a memoria do exilio heredado, para a mellor memoria do país que o causou". A emoción subliñou particularmente estas palabras de Luciano Concheiro, profesor e investigador da Universidad Autónoma Metropolitana de México, que hoxe impartiu no Consello da Cultura Galega un seminario sobre "O exilio republicano en México".

Luciano Concheiro, fillo de Luciano Concheiro García, activo combatente republicano e comunista de Ordes (A Coruña), exiliado en México, converteu as súas lembranzas e vivencias familiares en argumento para reflexión sobre a relación dialéctica entre México e os exiliados republicanos españois. Falou dos diferentes graos de integración dos "transterrados", como lles chamara José Gaos, e afirmou que as institucións creadas en México por significados repsentantes dese exilio republicano "son fundmaentais ata o día de hoxe".

O profesor Concheiro foi presentado por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e falou diante de trinta persoas, entre as que se encontraban algúns membros da súa familia galega.

A sesión foi organizada polo Consello da Cultura Galega e o Proxecto interuniversitario "Nomes e voces", do que é investigador principal o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, tamén presente no seminario.