O coloquio concibiuse como un intercambio de ideas, experiencias e impresións sobre os activismos LGBTIQ+ e como lles afectou nestes tempos de confinamento. Os tres participantes fixeron un percorrido polas aulas, con especial énfase na “Rede educativa galega de apoio LGBTIQ+” e o seu traballo nos centros de ensino. Así mesmo, propoñen unha reflexión sobre os espazos compartidos cos feminismos e as tensións que por momentos agroman a respecto do queer. Os participantes recoñeceron un pasado de disidencias, activismos e loitas pero avogaron por recoñecer a importancia da comunidade. “Este é un bo momento para pensar na vulnerabilidade da vida humana que nos interpela e obriga, ao mesmo tempo, a reflexionar con profundidade sobre os afectos que habitamos” afirmou Carme Adán.
Semana do Orgullo
A Sección de Pensamento puxo en marcha en 2019 o programa “Pensar con orgullo” coa vontade de contribuír á reflexión e visibilización do pensamento e da realidade LGBTI. A coordinadora desta Sección considera que esta cita “pretende poñer en valor tanto o activismo como a creación de conceptos que nos permitan pensar e conquistar mundos de maior liberdade”. No marco das actividades deseñadas para celebrar este ano o 28 de xuño, recuperouse esa cita na que participaron Lorenzo Bernini, Luis Puche, Beatriz Suárez Briones e Marina Sáenz. Onte presentouse “Elisa e Marcela”, unha banda deseñada debuxada e guionizada por Xulia Vicente que conta a historia destas dúas mulleres pioneiras que conseguiron burlar a Igrexa e as normas da época para converterse no primeiro precedente do matrimonio homosexual en España. A publicación está dispoñible na rede e preséntase acompañada dun making of no que a creadora, Xulia Vicente, explica o proceso de elaboración deste traballo ao tempo que debuxa a portada do cómic.



