O compostelán Luis Taibo mantivo unha traxectoria profesional ascendente onde a música e a medicina ocupan capítulos moi importantes. Primeiro estudou Filosofía e Teoloxía, despois comezou a estudar Dereito Canónico, e acabou por abandonala para cursar Medicina. Marchou a México para buscar unha maior estabilidade laboral onde traballou como médico ao tempo que desenvolveu unha intensa vida como músico.
Como tantos emigrantes, malia a atoparse lonxe de Galicia, nunca perdeu o vínculo. En México foi un importante activo na vida cultural da colonia galega, impartiu conferencias e escribiu numerosos artigos sobre a música e a literatura galegas, e mesmo chegou a dirixir o Orfeón do Centro Gallego. Foi polo seu irmán Vicctoriano que o axudou a manter un vínculo intenso con Galicia. De feito, foi a través del que recibiu o encargo de compoñer, para as Irmandades, o himno Deus Fratresque sobre un texto de Alfredo Brañas. A súa biografía acaba de incorporase ao Álbum de Galicia cunha entrada asinada por Alberto Cancela.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


