Tras o éxito acadado en anteriores edicións, volve a poñerse en marcha esta actividade, que comezou hai catro anos en Santiago e foise extendendo a outros concellos coma Pontevedra, Vigo, Ferrol e Fene.
Nesta ocasión ofértase tamén un nivel avanzado para aqueles alumnos que xa participaron en anos anteriores.
Os principais obxectivos dos obradoiros Máis Alá! son os seguintes:
-Contribuír á educación da sensibilidade lingüística a través do coñecemento sobre a realidade máis próxima, do entendemento da complexidade das relacións sociedade-lingua, do cuestionamento dos prexuízos e do exercicio dun espírito crítico.
-Favorecer a adquisición de actitudes positivas cara á lingua amosando a reversibilidade da situación sociolingüística, combatendo a visión reduccionista e empobrecedora que tende a uniformar a realidade.
-Provocar cambios nos hábitos lingüísticos priorizando o desenvolvemento da expresión oral, conectando a lingua coa solidariedade, a ecoloxía, a igualdade dos sexos, a educación para a paz..., e transmitindo o valor da capacidade transformadora do individuo na sociedade.
O Concello de Santiago ofréceos nos institutos Xelmírez I, Xelmírez II, Sar e Pontepedriña. Todos os alumnos interesados teñen de prazo ata o día 28 deste mes para presentar a súa solicitude de inscrición, que lles facilitará o equipo de normalización lingüística do centro educativo.
Se desexa máis información pode atopala no sitio web do Concello de Santiago.


