Este especial de Proxector “brinda a ocasión de poñer de relevo as virtudes e potencialidades do agro galego, mantedor indispensable da biodiversidade do planeta e da nosa “despensa saudable” segundo aclara o texto de presentación. Nesta entrega inclúense vídeos sobre a dieta atlántica, as características morfolóxicas e de comportamento das razas animais autóctonas de Galicia ou sobre a produción ecolóxica e o benestar animal. Áreas nas que destacou Rof Codina, impulsor da veterinaria en Galicia e en España, e o ideólogo da modernización do noso sector agropecuario.
O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG), súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía a través da páxina web institucional que estás a ver.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrecemos unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Podes acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que che permitirán filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.