----

Luces de alén mar, a mostra que recolle o legado educativo da emigración chega a Ramirás

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez, máis a presidenta da Asociación Cultural Rebulir, Sandra González Sousa, inauguran este venres (18:00 horas) en Ramirás a mostra Luces de alén mar, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver no centro de saúde ata o 31 de decembro.

A emigración galega ten características moi singulares que as distingue doutros movementos migratorios. Entre elas destacan accións solidarias e exemplarmente altruístas de emigrantes que financiaron, construíron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas que propiciaron a escolarización e instrución. Sobre esta dimensión xira “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia”. A mostra naceu ao abeiro dunha efeméride, o centenario fundacional das sociedades galegas de instrución radicadas en América que tivo lugar en 2012. Desde entón a exposición percorreu unha parte representativa dos concellos de Galicia dando a coñecer esta faceta menos coñecida da emigración galega.

A través dos seus paneis a exposición documenta os preto de 250 centros que se fundaron en Galicia e que deron conta dun ideario pedagóxico diferenciado. Estes centros gozaron de híbridos e funcionais plans de estudos; de materiais de ensino innovadores nas escolas do seu tempo; contaron cun profesorado cualificado e impulsaron actividades e institucións complementarias que implicaban acotío os escolares coa veciñanza. Un aperturismo inusitado na Galicia da época que se asentou nas localidades de procedencia dos e das emigrantes.