Hai un ano CCG e USC presentaron una nova etapa deste proxecto que, ademáis dunha nova visualizacióndos 600 vídeos cos que contaba naquel entón, incorporou un buscador que permite procurar recursos por palabras presentes no título ou na descrición que acompaña a cada vídeo. Ademais, tamén se poden facer procuras por temáticas (desde a arquitectura ata a xeoloxía, pasando polo dereito, a medicina ou a química), idioma (do audio ou dos subtítulos), ou nivel de ensino para o que se consideran máis acaídos.
O traballo de actualización e xeración de novo contido en Proxector desenvólvese en dúas liñas. Por un lado, a incorporación case continua de novos recursos audiovisuais, que permitiu superar o milleiro en menos dun ano de vida. E polo outro, a elaboración mensual de Especiais, compilacións temáticas que aproveitan algunha efeméride ou acontecemento de relevancia científica para seleccionar unha ducia de vídeos vinculados con ela, desde a educación á divulgación agropecuaria, ou desde a xenética ao quecemento global (o último Especial publicado).
Xénese do proxecto
A USC puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o CCG, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.