----

Redondela acolle Os adeuses, mostra que amosa os últimos momentos da emigración galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguraron esta mañá na localidade a mostra Os adeuses. Trátase dunha exposición que documenta os últimos momentos da emigración galega a América a través de 51 fotografías realizadas por Alberto Martí nos portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Estará aberta ao público no Multiusos da Xunqueira ata o 28 de febreiro e chega a Redondela logo dunha itinerancia por numerosos destinos de España, Portugal, Brasil e Estados Unidos.

Os adeuses está comisariada por José Caruncho e estrutúrase en tres áreas: a ida, a volta e o buque Santa María. Ofrece instantáneas da partida de centos de emigrantes galegos desde os portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Complétase cunha reportaxe sobre a peripecia do buque Santa María, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano.

O catálogo

O catálogo contén 73 fotografías con textos, en galego, castelán e inglés, de Ramón Villares, Alfonso Cabaleiro, Pilar Cagiao, María Teresa García Domínguez e José Caruncho. Nel, o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Villares explica que o material é “indicativo da grande epopea da emigración galega que cobre case dous séculos da nosa historia máis recente, neste caso unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos”.

Pilar Cagiao Vila, do Arquivo da Emigración Galega do CCG, salienta no catálogo o reflexo, nas fotografías de Alberto Martí, de todas as circunstancias que rodearon a partida dos emigrantes: “desde a chegada ao porto, a terminal de pasaxeiros atestada, ata a espera da partida e a acomodación a bordo, pasando polo mundo dos trámites, os papeis e os funcionarios”.

O comisario da Mostra, José Caruncho, propúxose —e conseguiu— “contar unha historia do que significou a emigración para miles de galegos, desde a ida ata, en moitos casos, o retorno á casa”.

O autor
Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922-2017) foi un pioneiro do fotoxornalismo que traballou durante cincuenta anos como reporteiro de La Voz de Galicia. Recibiu unha gran cantidade de premios nacionais e internacionais en cidades como Madrid, Barcelona e Bos Aires, entre os que destaca o Premio Nacional de Periodismo Gráfico, e parte da súa obra está publicada nun libro monográfico editado polo Concello da Coruña.