"A defensa das linguas minoritarias é moralmente correcta, técnicamente viable e socialmente estimable", afirmou François Grin

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2010.- A defensa das linguas minoritarias é un obxectivo moral e políticamente asumible, ten custos reducidos para o sector público e propicia beneficios, difíciles de cuantificar en termos económicos pero moi estimables individual e socialmente. Falou asi François Grin (Universidade de Genève) na terceira sesión do seminario “Lingua, sociedade e en Galicia”, dedicada a reflexionar sobre “Medios de comunicación e ámbito socioeconónico”. Francisco Sanjiao (Universidade de Santiago) referiuse á lingua galega como “un activo máis do noso capital como sociedade”. O finlandés Tapio Varis ocupouse de “linguas menores e medios de comunicación” e José del Valle  (Cuny Graduate Center) aludiu á “centralidade dos medios de comunicación na análise da produción e reprodución de ideoloxías lingüísticas”.

François Grin centrou fixo do seu relatorio unha explicación de por qué o plurilingüismo está económicamente ao noso alcance, tendo en conta o estado actual dos nosos coñecementos. “Haberá que acometer un traballo considerable teórico e empírico para saber máis verbo do que custa promover o plurilingüismo e garantilo a longo prazo, pero sabendo que é moralmente correcto, técnicamente viable e paga a pena o investimento”. O retrucante Marcelino Fernández Mallo lembrou que atribuimos ás linguas minoritarias un carimbo de diferenciación de indubidable valor no mercado.

Francisco Sanjiao Otero (Universidade de Santiago) centrouse na dimensión da lingua, niste caso do galego, como potencia da actividade económica. “O empreg o do galego na produción ancora o capital no noso territorio, ou cando menos facilita a incorporación dos traballadores galegos ó mercado laboral. De non facelo, a ampliación do mercado grazas ás novas tecnoloxías que permiten reducir os custos de transporte e de negociación, causa o efecto contrario”. Ou sexa, desde criterios económicos é preciso defender a nosa fala porque crea riqueza e renunciar a ela implica unha perda de benestar na nosa sociedade. Enrique Sáez Ponte e Gonzalo Vázquez Pozo achegaron outras consideracións en relación co mundo empresarial e unha desexable maior atención, no caso de Sáez, á lusofonía.

Xosé Manuel Villanueva Prieto falou do galego como patrimonio común. Un rasgo que precisa información operativa e periódica para  mellor orientar debates e decisións. Necesita asemade implicación social, coma calquera outra defensa patrimonial, e transversalidade das accións e e das políticas interinstitucionais. “O futuro da lingua, moito máis que da regulación política e da acción administrativa, depende de cómo os cidadáns de Galicia a aprecien e a incorporen ao seu acervo como un ben non connotado partidariamente”, dixo antes de escoitar as reflexións retrucantes de Xosé  Manuel Pereiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e do antropólogo Marcos Lorenzo Gallego.

De linguas menores e medios de comunicaciòn falou o finalandés Tapio Varis, de longa e fructífera relación intelectual e académica con Galicia e coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. “Se pretendemos crear unha sociedade da información verdadeiramente global, hai que lles prestar máis atención á diversidade de culturas e á coexistencia de diversas civilizacións e culturas”. Xosé Ramón Pousa e Francisco Campos, profesores da facultade de Ciencias da Comunicación da USC, complementaron o relatorio con outras consideracións sobre a oportunidade que Internet supón para as linguas minorizadas e os cambios nos comportamentos arredor da counicación e as novas oportunidades de negocio.

A última intervención foi a de José del Valle (The City University of New York) co relatorio “Discursos sobre as linguas e ideoloxías lingüísticas nos medios de comunicación”.Os medios interesan en tanto que textos e prácticas discursivas e metadiscursivas que determinan aquelo que constitúe ou non a lingua ou a linguaxe lexítima, que valoran e sancionan determinadas exhibicións de competencia comunicativa fronte a outras ou que confiren liexitimidade a falantes concretos en contextos concretos. “Nos medios de comunicación revélasenos que a xestión da linguaxe significa a xestión da orde social”. Ana Iglesias Álvarez e Belén Regueira Leal complementaron a intervención de Del Valle.

O Seminario sobre Lingua, sociedade e política en Galicia, organizado polas Seccións de Lingua-Literatura-Comunicación e Pensamento-Sociedade do Consello da Cultura Galega, terá a súa cuarta e derradeira sesión o vindeiro 29 de xuño.