NOTICIA

----

Os usos e riscos da intelixencia artificial no novo especial de Proxector

“Implicacións e aplicacións da intelixencia artificial” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela recompílanse unha ducia de vídeos cos que se busca profundar no mundo da intelixencia artificial, tanto dende un punto de vista conceptual como a través dos seus principais usos prácticos.

Durante as últimas semanas, a intelixencia artificial (IA) pasou de ser un tema reservado a especialistas a estar no debate xeral debido, fundamentalmente, á apertura ao público de prototipos de bots de charla, como ChatGPT ou Bard. “De súpeto todas e todos puidemos comprobar por nós mesmos a revolución que esta tecnoloxía pode supoñer… e tamén os perigos que poden vir da súa man”, afirma o especial. Co fin de explicar en que consiste a intelixencia artificial, cales son as súas aplicacións e os potenciais riscos que un desenvolvemento incontrolado desta tecnoloxía pode supoñer, a nova entrega de Proxector escolma unha ducia de recursos audiovisuais que afondan nestas cuestións.

Abre o especial o vídeo “Que é a intelixencia artificial?”, no que o director científico do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, achega unha definición do concepto de intelixencia artificial (IA) e expón como se consegue que as máquinas sexan intelixentes. Ademais, o propio Barro profunda nas aplicacións que esta tecnoloxía ten en ámbitos como o da previsión meteorolóxica, a saúde pública ou a predición de patoloxías cardíacas na peza audiovisual “Aplicacións da intelixencia artificial”. O uso da IA como ferramenta de diagnóstico é o tema central da conferencia de Pratik Shah “Como facilita a intelixencia artificial o diagnóstico de enfermidades”, na que presenta o seu proxecto, co que busca reducir a cantidade de imaxes médicas que precisan os algoritmos para detectar as doenzas dos pacientes.

A creación de contidos a través de ferramentas baseadas en IA ou as posibilidades que teñen aplicacións como ChatGPT para realizar tarefas relacionadas coa lingüística son temas que se abordan noutros dos vídeos que se inclúen no especial. Alén dos usos prácticos desta tecnoloxía, o recurso “Arte no tempo da intelixencia das máquinas” céntrase nas aplicacións artísticas que pode ter a intelixencia artificial nunha disciplina como a arquitectura.

A nova entrega de Proxector presta tamén atención aos riscos que pode supoñer o desenvolvemento da IA. Así, incorpórase un vídeo que reproduce fragmentos dunha entrevista na que o experto Stuart Russell reflexiona sobre as posibilidades reais de que os sistemas de intelixencia artificial poidan substituír os humanos. Ademais, en “Estamos vixiados polos nosos aparatos intelixentes?”, Tomás Fernández explica como as empresas tecnolóxicas e mesmo algúns particulares con fins ilícitos conseguen información privada a través de aplicacións ás que os usuarios lles autorizan o acceso ao micrófono, por exemplo, ou doutras que se instalan sen o seu coñecemento. Mentres, en “Non temamos a superintelixente IA”, o científico e filósofo Grady Booch convida a confiar no potencial da intelixencia artificial, para o que alude a unha cuestión fundamental: ensinarlles a estes sistemas as “verdades fundamentais” para que incorporen os valores éticos propios dos individuos humanos.

Completan o especial unha peza sobre intelixencia artificial e aprendizaxe automática; outra sobre o modo en que os ordenadores aprenden a recoñecer obxectos instantaneamente, e un vídeo didáctico que inclúe unha reflexión sobre o camiño que queda por recorrer para conseguir que as máquinas sexan conscientes da súa propia existencia.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.