Un equipo de traballo formado por Daniela Ferrández, Enrique Latorre e Marta Lois, baixo a coordinación de Carme Adán, estivo a traballar durante ano e medio para coñecer e identificar as demandas fundamentais do colectivo LGBT+ e plasmar a situación (desde as necesidades ata as propostas de mellora) nun documento pioneiro. O resultado dese traballo será a parte central desta xornada, que tamén contará con tres relatorios que buscan describir unha perspectiva máis ampla. A xornada comezará co relatorio de Lucas Platero, que debullará a situación actual. O segundo leva por título “Metronormatividade e desigualdades espaciais entre as persoas queer” e será impartido por Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz. Por último, intervirá Ana Lúcia Santos, coa conferencia “Remember-experiências sobre envelhecimento de pessoas LGBTQ em Portugal”.
Obradoiro
Na véspera da xornada Pensar con Orgullo IV terá lugar o obradoiro "Mulleradas. Un faladoiro do pracer" (martes 20 de xuño de 2023, de 16:00 a 18:00 horas, no salón de actos do CCG). Coordinado por Gena Baamonde e A Panadaría, está dirixido a mulleres a partir dos 50 anos. Nun espazo íntimo e seguro, desenvolverase unha xuntanza de autocoñecemento e intercambio da nosa memoria afectiva e do pracer. Cun enfoque feminista e de xénero, falarase con naturalidade de sexualidade e diversidade nas mulleres a partir dos 50 anos e da importancia que ten para a nosa saúde e benestar. Esta actividade comezará cunha breve lembranza á historia das pioneiras Elisa e Marcela.
Pensar con Orgullo
O Consello da Cultura Galega, primeiro desde a Sección de Pensamento e despois desde o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, organiza, arredor do Día do Orgullo, a xornada Pensar con Orgullo. Pretende ser un espazo de encontro para revisar conceptos e imaxinar novas formas de activismo e pensamento. Arrincou en 2019 cunha reflexión sobre sexualidade e identidade, que procuraba unha análise de conceptos como “macho”, “femia”, “home”, “muller”, “heterosexual”, “homosexual”, “transexual” ou “DSD”. No ano 2020, marcado pola situación sociosanitaria, ofreceuse un intercambio de ideas, experiencias e impresións sobre os activismos LGBT+ e as vivencias en tempos de confinamento. O ano pasado, a edición propuxo unha reflexión sobre os corpos e a súa performatividade.



