Durante dezaoito meses, un equipo de traballo formado por Daniela Ferrández, Enrique Latorre e Marta Lois, baixo a coordinación de Carme Adán, estivo a traballar neste documento, que busca identificar as demandas e necesidades fundamentais do colectivo LGBT+ e darlles resposta a través da creación de recursos, programas e servizos desde as políticas públicas. Con ese fin realizáronse unha trintena de reunións nas que participaron 18 persoas expertas, 23 entidades sectoriais e 26 entidades vencelladas ás administracións públicas.
Aínda que no documento se citan cifras e datos de investigacións precedentes, principalmente en referencia ao incremento das violencias LGBTfóbicas, faltan datos específicos de Galicia para coñecer a realidade con maior precisión. Por iso a primeira conclusión deste informe é a necesidade de fotografar a realidade galega. A segunda apunta a necesidade de formar profesionais con carácter urxente. Cómpre formación para poder “escoitar as necesidades das persoas LGBTI+ e trasladar ás profesionais protocolos e servizos, mais tamén a empatía necesaria para fuxir da violencia institucional”, asegura o documento. A terceira conclusión xeral apunta a necesidade de crear recursos e programas propios. Nese sentido, o informe pide que a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, se cumpra e sexa dotada do orzamento necesario para poder actualizala.
O informe está estruturado en oito eixes de traballo principais: participación pública; cultura; memoria e pensamento; educación; deportes; sanidade e servizos sociais; laboral e violencias LGBTfóbicas. Para cada un deles hai recomendacións e pautas específicas.
Oito eixes, oito liñas de actuación
No informe descríbese a situación das asociacións LGBT+, das cales o 81 % conta con forma xurídica propia. Fináncianse, principalmente, coas cotas das persoas asociadas e a metade delas non contan con subvencións públicas. Son maioritarias as entidades que prestan atención contra as violencias LGBTfóbicas, seguidas das de educación, igualdade de xénero ou atención social ou comunitaria. Segundo declararon todas as entidades, sen excepción, contan con sobrecarga de traballo. Este volume de actividade implica a perda da calidade humana no contacto, e por iso reclaman máis espazos de contacto directo, máis recursos e maiores espazos institucionais de participación.
Nese sentido, entre as conclusións do primeiro eixe, piden incrementar a comunicación e colaboración entre institucións e asociacións, transversalizándoa alén das áreas de Igualdade, así como incrementar o financiamento e os recursos aos colectivos para garantir o labor asistencial que exercen.
No eixe sobre cultura, o documento recolle que as accións deste tipo se concentran arredor das datas do Orgullo, o que, na súa opinión, é un síntoma de pinkwashing ou “lavado de cara institucional”. Entre as súas recomendacións están “elaborar guías de boas prácticas que faciliten un maior desenvolvemento de accións culturais con representación do colectivo LGBT+ e que adopten unha perspectiva respectuosa coa diversidade sexual e de xénero”; “aumentar a participación de colectivos, activistas e creadores culturais locais na confección e desenvolvemento das programacións”, ou “garantir a aplicación do artigo 28 da Lei 2/2014 a través de partidas orzamentarias específicas”.
No referido ao eixe sobre memoria e pensamento, as principais recomendacións pasan por apoiar o desenvolvemento de proxectos de investigación centrados en mellorar o coñecemento sobre a diversidade sexual e de xénero, á vez que atallar a discriminación histórica que sofren. Ademais, propoñen impulsar un centro de documentación galego e plans específicos de divulgación que poñan en valor na sociedade a memoria da disidencia sexual en Galicia, ao tempo que faciliten a investigación e difusión desta memoria. Nese sentido, tamén apuntan a pertinencia de ampliar a Lei 2/2014 para que recolla a necesidade de contar con seccións específicas sobre temáticas LGBT+ nas bibliotecas públicas de Galicia.
En canto á educación, o documento promove a realización de informes, estatísticas e estudos, protocolos, guías e ferramentas que aborden a diversidade sexual e de xénero, con datos sobre a situación das persoas LGBT+ no contexto galego. Alén de incorporar a perspectiva da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos, destaca a creación da figura de responsable de diversidade sexual e de xénero nos centros educativos.
Outra das áreas abordadas é o deporte. Piden actualizar a Lei 3/2012, do deporte de Galicia, para incluír os aspectos LGBTI que ten a nova lei estatal, así como establecer códigos éticos e crear espazos seguros de recoñecemento e visibilidade, con especial fincapé na avaliación e transformación das instalacións e infraestruturas deportivas.
Por último, no ámbito da sanidade e os servizos sociais, as medidas propostas pasan por elaborar un mapa de recursos sociais e unha guía de actuación para os servizos sociais, así como establecer protocolos sanitarios específicos e políticas concretas en materia de saúde mental. Ademais, a nivel laboral, cómpre elaborar unha guía contra a transfobia no traballo.
Pensar con Orgullo
O Consello da Cultura Galega, primeiro desde a Sección de Pensamento e despois desde o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, organiza, arredor do Día do Orgullo, a xornada Pensar con Orgullo. Pretende ser un espazo de encontro para revisar conceptos e imaxinar novas formas de activismo e pensamento. Arrincou en 2019 cunha reflexión sobre sexualidade e identidade, que procuraba unha análise de conceptos como “macho”, “femia”, “home”, “muller”, “heterosexual”, “homosexual”, “transexual” ou “DSD”. No ano 2020, marcado pola situación sociosanitaria, ofreceuse un intercambio de ideas, experiencias e impresións sobre os activismos LGBT+ e as vivencias en tempos de confinamento. O ano pasado, a edición propuxo unha reflexión sobre os corpos e a súa performatividade. Nesta ocasión, a cita, alén de ofrecer as conclusións do Foro, reflexionou sobre a situación do colectivo LGBT+ coñecendo a situación doutros países e centrándose nas políticas públicas.





