A Saia incorpora ao seu catálogo o número 13 da revista S’homos, editada polo Colectivo Gai de Compostela, sociedade que ata 1992 se denominaba Colectivo Homosexual de Compostela. A cabeceira, publicada entre os anos 1991 e 1997, tiña como obxectivo servir de instrumento para concienciar, denunciar, reflexionar e debater sobre as discriminacións que sofren as persoas gais, lesbianas, bisexuais e transexuais no seu camiño para acadar unha plena liberación sexual. Era unha publicación aberta á participación e nela adoitaban incluírse propostas culturais e de lecer, notas breves de información xeral, así como artigos encamiñados a recuperar a memoria do movemento gai e lésbico ao longo da historia.
Xunto con este exemplar, engádense os oito números de Menlacex, revista de temática LGTBIQ+ publicada no ano 2001 baixo a edición de Fernando Pesqueira Franco e a dirección de Pablo Irago. A cabeceira foi concibida a xeito de guía, polo que incluía rueiros de cidades galegas con locais recomendados. Ademais, incorporaba abundante publicidade de organizacións como Antisida, Radio Calimera ou a Asociación de Herbolarios de Galicia, así como de establecementos comerciais e de lecer de ambiente e gayfriendly.
Ademais, arredor do Día do Orgullo, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega organizou a cuarta xornada do foro Pensar con Orgullo. Nela presentouse o informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, un documento que recolle as demandas e necesidades fundamentais do colectivo LGTB+, ao tempo que busca darlles resposta a través da creación de recursos, programas e servizos desde as políticas públicas. O informe é o resultado do traballo conxunto dun equipo coordinado por Carme Adán e formado por Daniela Ferrández, Enrique Latorre e Marta Lois.
A Saia
A Saia é un proxecto conxunto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega e mais de ADHUC - Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat da Universitat de Barcelona. O proxecto, iniciado no ano 2012, tomou o seu nome da publicación homónima A Saia, a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O seu obxectivo é poñer progresivamente á disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos movementos feministas e LGBTIQ+ e na historia contemporánea.


