Bota a andar a nova edición do certame Enreguéifate


Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo convocan unha nova edición do certame Enreguéifate, pensado para apoiar a difusión da improvisación oral en verso e contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. O certame inclúe dúas categorías, unha para público xeral e outra para público escolar (alumnado do ensino non universitario). Os participantes deben mandar as súas regueifas en galego, de temática libre, nun vídeo de 3 minutos de duración máxima. O xurado outorgará diferentes premios: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

O prazo para enviar os vídeos estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 1 de marzo de 2024.

No web do certame podes consultar as bases completas.