Exército Mekemeke convértese no primeiro podcast en galego en chegar aos Premios Ondas


Exército Mekemeke quedou entre os cinco finalistas dos "Premios Ondas Globales del Podcast", na categoría de mellor podcast en lingua cooficial do Estado, xunto a producións de Catalunya Radio, Eitb e IB3. Esta é a primeira ocasión en que un programa en galego resulta nominado.

Trátase dun videopodcast en ton humorístico dirixido á "xabaxeración", producido e presentado por Carlos Vieito, que se grava en Ames Radio e se publica semanalmente a través das principais plataformas de podcast e vídeo, así como na grella da emisora. O programa conta coa colaboración do músico Xabier Dios, a actriz Lidia Veiga e o cineasta Miguel Gómez Abad. Ademais de ter como voz en off a unha das figuras máis recoñecidas da dobraxe galega, Antón Rubal.