Feiraco convídate a practicar a Leiteratura participando no seu certame de microrrelatos


A cooperativa agrogandeira Feiraco Lácteos SL súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas (este ano dedicado á escritora Luísa Villalta) e convoca, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o XII Certame de Microrrelatos Feiraco, co obxectivo de fomentar a dinamización do idioma e a creatividade literaria en lingua galega. Nesta edición establécense dúas categorías, unha para alumnado de secundaria e bacharelato (a partir de 12 anos) e outra para adultos (de 18 anos en diante). Os participantes deberán entregar un relato breve, de 500 palabras como máximo, orixinal e escrito en lingua galega. A temática é libre, mais as historias deben comezar coa frase “Púxenme a escoitar”. Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías e os galardoados/as recibiran produtos Feiraco e mais libros en galego. A maiores, o gañador/a do primeiro premio en cada categoría recibirá como agasallo especial a vaca suxeitalibros de Feiraco.

O prazo para a presentación dos traballos estará aberto ata o 18 de maio de 2024.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.