A realidade social do galego a revisión


A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Real Academia Galega (RAG) asinarán un convenio de colaboración que terá como principal obxectivo a revisión e actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia.
(Máis información)

O Mapa Sociolingüístico de Galicia foi elaborado polo Seminario de Sociolingüística da RAG, por encargo da Xunta de Galicia, entre os anos 1993 e 1996. Os tres volumes que compoñen esta obra, nos que se recollen datos sobre competencia, usos e actitudes lingüísticas, constitúen hoxe o punto de referencia da investigación sociolingüística galega.


Segundo se recolle no citado convenio, no prazo de dous anos, o equipo de traballo do Seminario de Sociolingüística da RAG realizará o traballo de revisión e actualización de todos estes datos, o que nos permitirá observar cal foi exactamente a evolución social da lingua nestes últimos tempos. O estudio desenvolverase en cinco fases: revisión bibliográfica e estatística; revisión e corrección do cuestionario; deseño da mostra e realización do pre-test; realización do traballo de campo; depuración e gravación da información, análise da información e conclusións da investigación.